REDACCIÓN | A proposta da eurodeputada do BNG, Ana Miranda, e a través do grupo Verdes - Alianza Libre Europea, o vindeiro pleno da Eurocámara -que se celebrará a próxima semana en Estrasburgo- incluirá un debate sobre a contaminación na costa galega provocada pola vertedura de pelets. “Temos a satisfacción de facer en Bruxelas todas as accións que están na nosa man para defender o noso mar, para defender a nosa costa, para defender a nosa xente traballadora do mar”, subliña Miranda.
“Como eurodeputada galega do BNG acabamos de conseguir que a semana vén no pleno de Estrasburgo poida celebrarse un debate específico e urxente sobre a situación da marea dos pelets en Galiza”, explica Ana Miranda, quen considera que o debate “vai falar da solidariedade así como da grave situación pola que atravesan os concellos e o voluntariado”.
Segundo manifesta a eurodeputada nacionalista “é unha gran noticia” que a Conferencia de Presidentes do Parlamento Europeo - onde se negocian as urxencias e os textos que entran nos plenos- “aceptase hoxe a nosa proposta urxente de que a semana que vén no pleno poida haber un debate sobre a situación que se está producindo de marea plástica no noso país”.
Seguridade marítima
Ana Miranda defende que Europa “ten moito que dicir” xa que por un lado, a inclusión do Corredor de Fisterra como zona altamente sensible para a Organización Marítima Internacional (OMI) permitiría establecer normas máis estritas e esixir maior responsabilidade por parte dos operadores de embarcacións e do control do tráfico marítimo. Por outro lado, lembra que actualmente estase modificando a Directiva 2009/21/CE referida ás bandeiras de conveniencia, posta en marcha tras o accidente do Prestige.
“É fundamental que se aprobe e entre en vigor a revisión do paquete de seguridade marítima da Unión Europea e a revisión do Convenio MARPOL 73/78 da Organización Marítima Internacional (OMI), incluíndo a eliminación da contaminación procedente de microplásticos a partir de contedores”, salienta a eurodeputada do Bloque. Departamento de comunicación