REDACCIÓN | Este venres arranca NCD Educa, unha iniciativa da organización do festival Norte Cinema Diverso para levar ás aulas da cidade da Coruña o cine LGTBI+ e xerar debate coa comunidade escolar.
O IES Eusebio da Guarda será o primeiro centro en que membros das entidades colaboradoras (Fundación 26D, Less Coruña, Comité Anti SIDA da Coruña CASCO e CoruFest) xunto á Asociación Palestra, organizadora do certame, entren en interacción con profesores e estudantes.
As curtametraxes que se proxectarán na mañá do venres, grazas á colaboración da cinemateca da Fundación Pedro Zerolo, son Pancarta, El mueble de las fotos, Antes de la erupción e 17 minutos con Nora. Ao final de cada unha delas producirase un debate con alumnos de 4º da ESO, coa moderación dos directores do NCD, Fernando Cayazzo e Fito Ferreiro.
“Durante varias semanas”, explica Cayazzo, “levaremos as curtametraxes a algúns institutos da cidade para que despois se abran debates entre alumnos e alumnas sobre a trama de cada unha desas curtas. As novas xeracións teñen moito que achegar. Cremos nelas. Malia a polarización nalgúns temas, ábrennos os ollos en moitos asuntos”.
Tras a primeira xornada no IES Eusebio da Guarda, NCD Educa entrará nas aulas doutros tres institutos da cidade: Monte das Moas (25 de xaneiro), Sardiñeira e Elviña (estes dous últimos en datas aínda por pechar). O festival Norte Cinema Diverso celebrará a súa segunda edición os días 29 de febreiro, 1 e 2 de marzo no Teatro Colón. Departamento de comunicación