El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Cartas al Director
Internacional

PESCA

Ana Miranda: "É fundamental que a Comisión adopte medidas estritas que melloren a seguridade do transporte, incluído o marítimo"

18-01-2024 15:43:27
Ana Miranda (c), eurodeputada do BNG.

REDACCIÓN | No encontro mantido hoxe co Comisario de Pesca e Medio Ambiente, Virginius Sinkevicius, a eurodeputada do BNG, Ana Miranda, e a alcaldesa de Muros, María Lago, trasladáronlle a problemática que está tendo Galiza coa marea de plásticos causada polo vertido de pelets e a falta de medios e transparencia por parte do goberno galego para xestionar a contaminación da costa galega.  

“Como dixo Ana Pontón hai uns días, estamos diante dunha tremenda falta de responsabilidade”, salientou Ana Miranda, quen pola contra defendeu que o Bloque si tivo a responsabilidade de trasladar tanto á Comisión Europea como ao Parlamento Europeo “a nosa posición firme e clara de que este non é só un problema galego, senón tamén europeo”.  

A eurodeputada nacionalista tamén lle trasladou a Sinkevicius que Galiza é unha nación “altamente dependente da pesca e do marisqueo” ao igual que así o salientou hoxe na súa intervención no debate da Eurocámara, que se celebrou a proposta do BNG baixo o título “Catástrofe ecolóxica recente pola perda perda de pelets de plástico e o seu impacto na contaminación por microplástico nos hábitats marítimos e costeiros”. 

Ana Miranda agarda que a investigación en curso á que fixo mención o Comisario de Pesca serva para mellorar a coordinación na xestión das catástrofes, “xa que el mesmo é consciente de que houbo unha falla de coordinación” e é necesaria que a lexislación europea impida que se volva producir unha catástrofe como esta. Neste sentido, explica que o BNG presentou emendas na Comisión de Medio Ambiente do Parlamento Europeo, relativas ao informe de microplásticos e a perda de pelets, para que sexan considerados contaminantes e para que o tráfico marítimo entre na lexislación europea. “É fundamental que a Comisión adopte medidas estritas que melloren a seguridade do transporte, incluído o marítimo”, salienta.  


Desinformación do PP 

“Temos a convicción de que o BNG é o único que está a defender o sector pesqueiro e o sector marisqueiro e por iso trasladamos o debate ás institucións europeas”, explica a eurodeputada galega, quen sinala que o PP se puxo “moi nervioso” e falan deste problema como unha cuestión electoralista, xa que segundo considera Miranda “non queren que se fale do que está pasando en Galiza e por iso transmiten bulos e trasladan desinformación”. 

Nesta liña, na súa intervención na sesión plenaria Ana Miranda lembrou que, a pesar de que o buque Toconao comezou a perder os pelets o 8 de decembre e comezaron a aparecer o 13 de decembro nas praias de Ribeira, non foi até o 4 de xaneiro cando o Goberno galego se puxo en contacto cos concellos para dicirlles que era a súa responsabilidade facerse cargo da limpeza das praias. 

Precisamente así llo trasladou ao Comisario de Pesca” a alcaldesa de Muros, María Lago, “exemplo de dignidade xunto ao alcalde de Ribeiras e outros, e os voluntarios que loitan contra esta traxedia ecolóxica”. “A realidade é que os concellos séntense abandonados e desbordados, xa que tiveron que poñerse en solitario a realizar as tarefas de limpeza ante a inacción do goberno galego”, denunciou a eurodeputada nacionalista no pleno.  

Na súa intervención na sesión plenaria Miranda apuntou que esta incompetencia do PP non é nova, xa que recorda á xestión do Prestige. “Lamentablemente, non aprenderon nada. a súa desfachatez non remata aquí: o Goberno galego encargou a unha empresa de márketing vinculada ao PP parte da limpeza dos pelets”, manifestou. 

“O que o Goberno galego non fai, facémolo nós, reclamando considerar aos pelets mercadorías perigosas e normas máis estritas de empaquetado, etiquetado, carga, estiba e manipulación, así como medidas máis estritas de transporte marítimo para evitar perdas accidentais”, concluíu Ana Miranda, quen fixo un chamamento a participar na mobilización do vindeiro 21 de xaneiro en Santiago de Compostela convocada na defensa do sector do mar. Departamento de comunicación 





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias