El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Economí­a

PAC

O BNG reclama que a PAC teña en conta as demandas do agro galego

21-02-2024 16:09:57
Ana Miranda, eurodeputada do BNG.

REDACCIÓN | A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, denuncia que a nova PAC non ten en conta a súa identidade territorial e as características propias da tradición agraria familiar, sostible e de proximidade propias do agro galego. Considera ademais, que en Galiza, “a incapacidade de xestión dos fondos e pagos por parte da administración galega está levando ao peche a moitas producións agrarias e gandeiras”.  

“O timón do PP ao fronte do barco da Xunta de Galiza leva á deriva anos e isto reflíctese día a día na incapacidade para realizar unha administración eficiente dos orzamentos públicos de que dispoñen”, sinala a eurodeputada Galega, quen considera que a súa “nefasta xestión provoca que teñan que improvisar a cada momento e que prioricen a actuacións de propaganda fronte a solución dos problemas”.  

Neste sentido, Ana Miranda pon como exemplo a falta de axudas para a produción ecolóxica. En concreto, no ano 2022, o goberno galego só asignou 3,18 millóns de euros en axudas, fronte aos necesarios 5,6 millóns de euros para cubrir todas as solicitudes presentadas, o que significa a falta de asistencia para o 43 % das hectáreas solicitadas. “Estes datos significan o incumprimento deliberado da estratexia marcada por Europa para incrementar este tipo de produción até o 25%, tal e como o propio sector denunciou en Bruxelas”, manifesta. 

A través dunha pregunta parlamentar dirixida á Comisión Europea, a eurodeputada do Bloque traslada as demandas do sector, entre as que figuran a simplificación de cargas administrativas como o novo caderno dixital; a adaptación da metodoloxía dos ecoesquemas e do catálogo de ecorréximes a nosa realidade; así como a flexibilización da condicionalidade e a aplicación das cláusulas espello como principio de reciprocidade nos acordos comerciais internacionais.  

Ao respecto, Miranda pregunta se a Comisión Europea prevé incluír estas reclamacións, consecuencia da gran preocupación que vive o sector agrogandeiro, e se terá en conta tanto a representantes deste sector como a administracións subestatais nas mesas de diálogo, algo que para a eurodeputada do Bloque é “prioritario”.


Perda de fondos

No referente á xestión dos fondos do Plan de Desenvolvemento Rural a eurodeputada do BNG considera que as cifras referidas á perda de fondos “son escandalosas”. Así, explica que no anterior período, -que finalizou no 2023-, Galiza perdeu case 56 millóns de euros de fondos europeos que deixou sen gastar do DR, unha cifra que se elevaría a 74 millóns de euros se aos fondos de Bruxelas se lles engade a parte que lles correspondería cofinanciar á Xunta e ao Ministerio de Agricultura. Segundo considera “esta cifra reflicte a incapacidade de xestión real do PP ao fronte da Consellería de Medio Rural”.  

O PDR para Galiza contaba cunha asignación de 888.801.564 euros do FEADER (Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural). O PP executou o 93’71% (832.855.187 euros), polo que deixou sen executar 55.946.377 euros. “Isto acontece porque ao PP non lle interesa mellorar a vida da xente do rural deste país a través da xestión dos fondos europeos, só lle interesan os seus votos”, denuncia Miranda. Departamento de comunicación





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias