REDACCIÓN | Nunha intensa axenda de dous días, a eurodeputada do BNG, Ana Miranda, viaxará -nunha delegación europea xunto a eurodeputados e eurodeputadas de diferentes grupos parlamentares- ao paso fronteirizo de Rafah, que separa Exipto e a Franxa de Gaza para denunciar, unha vez máis, o xenocidio que está sufrindo o Pobo palestino a mans do exército do goberno sionista de Israel e o fragrante incumprimento dos dereitos humanos desde hai décadas.
“Máis de 30.000 persoas asasinadas, máis de 70.000 feridas, máis de 360.000 vivendas destruídas ou danadas, ademais de infraestruturas civís destruídas como hospitais e universidades, e aproximadamente 2 millóns de persoas desprazadas pola forza son as terribles cifras que nos deixan os ataques israelís”, sinala Ana Miranda, que forma parte tanto da Delegación de Palestina como da Delegación de Israel do Parlamento Europeo, e reclama un alto ao fogo inmediato.
A eurodeputada galega denuncia a catástrofe humanitaria e sinala ademais os intentos de Israel de desmantelar a Axencia de Nacións Unidas para os Refuxiados de Palestina en Oriente Próximo (UNRWA) mediante acusacións sen probas. “A humanidade asiste impasible e coa complicidade de Occidente a un desastre humanitario en Gaza”, critica Miranda, que considera inadmisible que Estados Unidos vete por terceira vez unha resolución da ONU para un alto ao fogo inmediato.
Neste contexto enmárcase a viaxe que realizará Ana Miranda esta fin de semana, na que visitará a zona fronteiriza de Rafah e do aeroporto de Al Arish, pola que entran os convois humanitarios obstaculizados por Israel. Neste sentido apunta que o número de camións que entran está moi por debaixo de 500 ao dia, con moitas dificultades para levar diferentes subministros á poboación de Gaza, como alimentos ou mediacamentos. Ademais, no paso fronteirizo, a eurodeputada galega manterá encontros o sábado e o domingo con representantes da UNRWA e diferentes organizacións de asistencia humanitaria así como co Centro Palestino de Dereitos Humanos. Finalmente, a delegación reunirase co Director do Departamento de Relacións con Palestina, dependente do Ministerio de Exteriores de Exipto, así como coa Delegación da Unión Europea en Exipto...
Un ano da deportación
Precisamente estes mércores cumpriuse un ano de que Israel expulsara a eurodeputada do Bloque do aeroporto de Tel Aviv cando se dirixía a Palestina en misión oficial da Eurocámara. E precisamente este mércores o BNG presentou unha pregunta dirixida ao Alto representante da Unión Europea para Asuntos Exteriores, Josep Borrell, sobre que accións levou a cabo para garantir o acceso de eurodeputados a Palestina e o respecto pola inmunidade diplomática dos membros do Parlamento Europeo. A eurodeputada galega xa participara no 2015 na Flotilla humanitaria rumbo a Gaza, que foi detectada por Israel.
O BNG segue denunciando o xenocidio de Israel en Gaza e pide medidas contundentes contra Israel, presentando diferentes denuncias, iniciativas, cartas e realizando diversas accións, das que forma parte tamén esta visita á zona fronteiriza de Gaza. Departamento de comunicación