REDACCIÓN | Desde o paso fronteirizo de Rafah, ubicado entre Exipto e a Franxa de Gaza, a eurodeputada do BNG, Ana Miranda, subliña que é fundamental que aumente a presión internacional sobre Israel para acadar o alto ao fogo inmediato e a fin do xenocidio e a crise humanitaria que o Pobo palestino está vivindo en Gaza.
Segundo narra a eurodeputada galega desde o centro loxístico de recollida e distribución de axuda humanitaria internacional en Rafah, Israel está boicoteando a entrada de comida, material hixiénico e medicamentos, de forma que o número de camións que entran está moi por debaixo de 500 ao dia, e só arredor de 15 diarios consiguen entrar. “É inmoral que Israel bloquee durante días o paso dos camións de axuda humanitaria e que morran bebés por falta de leite”.
“A comunidade internacional, esas 21 axencias e eses 40 países doantes, ten que esixir que entre esa axuda tan vital para moitas persoas en Gaza. Nós así o faremos no debate que terá lugar este martes no Parlamento Europeo”, manifesta Ana Miranda, que forma parte dunha delegación xunto a outras eurodeputadas da Eurocámara, que se desprazaron ao ao paso fronteirizo de Rafah para denunciar o xenocidio que está sufrindo o Pobo palestino a mans do exército do goberno sionista de Israel.
Acusacións sen probas
Por outro lado, a eurodeputada do Bloque, denuncia os intentos de Israel de desmantelar a Axencia de Nacións Unidas para os Refuxiados de Palestina en Oriente Próximo (UNRWA) mediante acusacións sen probas. “Esta actuación é unha estratexia máis das que desenvolve Israel contra o Pobo palestino”, sinala Ana Miranda, xa que a UNRWA dá apoio a 5 millones de palestinos e palestinas rexistradas en Oriente Medio e dá refuxio a un millón de persoas desprazadas en Gaza, desenvolvendo a súa labor en situacións de alto risco.
Ademais de manter reunións con representantes da UNRWA e diferentes organizacións de asistencia humanitaria, a delegación tamén manterá encontros co Centro Palestino de Dereitos Humanos, así como co Director do Departamento de Relacións con Palestina, dependente do Ministerio de Exteriores de Exipto e coa Delegación da Unión Europea en Exipto. Departamento de comunicación