REDACCIÓN | O pleno da Deputación da Coruña aprobou na súa sesión ordinaria de hoxe unha declaración institucional con motivo do 8 de Marzo, Día Internacional da Muller, a través da que a institución provincial reafirma o seu “compromiso coa igualdade en todos os espazos da vida”.
A Deputación chama a atención sobre o cuestionamento que están a sufrir os avances acadados no eido da igualdade e expresa a necesidade de traballar, dende todas as institucións, para corrixir discriminacións e eliminar a violencia machista.
Por iso, considera fundamental “apoiar, recoñecer e difundir as convocatorias do feminismo galego”, ademais de “promover a participación activa das mulleres na vida política e social, con accións de sensibilización, capacitación e fomento do liderado feminino”, aplicar medidas “que garantan a igualdade salarial e de oportunidades no emprego” e, finalmente, “tomar decisión sen todos os ámbitos institucionais para avanzar na igualdade real e efectiva”.
Con motivo do Día Mundial das Enfermidades Raras (EERR) 2024, a Deputación aprobou tamén unha declaración institucional promovida pola Federación Española de EERR (Feder) e a Federación Galega de EERR e Crónicas (Fegerec). Nela lémbrase que máis da metade das familias nas que algún dos seus membros padece un mal deste tipo enfrontan esperas superiores aos seis anos para lograr un diagnóstico, ao que se engade que en só un 6 % dos casos existe un tratamento axeitado. As enfermidades raras afectan a 300 millóns de persoas en todo o mundo, 3 millóns en España e 200.000 en Galicia.
O texto sinala a necesidade de impulsar a investigación, implementar medidas que garanta o acceso en equidade a probas diagnósticas, recoñecer en España a especialidade de xenética clínica, colaborar coas accións do tecido asociativo e pór en marcha as estratexias autonómicas en liña coa Estratexia Nacional de EERR.
Finalmente, o pleno aprobou unha terceira declaración institucional, neste caso sobre a gandería e a agricultura, que atravesan “unha difícil situación provocada por múltiples factores”, entre os que se atopan custos de produción, as esixencias da nova PAC ou a seca. Nese senso, a Deputación ve fundamental mostrar o seu apoio ao sector primario, reivindicar o seu papel no desenvolvemento de Galicia e apoiar as súas reivindicacións. Departamento de comunicación