REDACCIÓN | O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, anunciou hoxe a convocatoria dun Congreso Extraordinario para o próximo 27 de abril, logo da celebración de primarias para escoller ao secretario xeral o 7 do mesmo mes. Así o dixo na celebración do primeiro Comité Nacional Galego logo das eleccións autonómicas do 18 de febreiro.
O responsable socialista anunciou a posta en marcha “canto antes” do proceso interno para que os socialistas galegos recuperen o lugar que lles corresponde como alternativa de goberno. Chamou a estar “máis unidos que nunca” para culminar o proceso que permita “estar á altura do que Galicia merece” amosando “coherencia, lealdade, responsabilidade e respecto á militancia”.
Dixo que é o momento de “darlle voz á militancia para que decida o rumbo do PSdeG nesta etapa”, e que o faga “sen dedazos nin sucesións impostas”, e que escolla o futuro do partido “libre e democraticamente”. Salientou a urxencia de construír un proxecto liderado polos socialistas galegos, logo de que as autonómicas evidenciaran que “só haberá cambio cando o lidere o PSdeG”.
Formoso subliñou que “non teño ningunha dúbida de que o mellor para o partido e para o futuro de Galicia” pasa por despregar un “proxecto propio de país” como camiño para recuperar posicións da man dun electorado galego “moi maduro”. Reclamou “tempo e estabilidade” para configurar “a mellor oposición, dende a lealdade, pero esixentes e contundentes na defensa dos intereses do noso país”.
Os socialistas, dixo, “somos os que mellor defendemos a igualdade de oportunidades”, e os principais valedores da suba do SMI, das pensións, do incremento das bolsas de estudos, así como da sanidade, a educación ou a Dependencia. Sinalou que “non temos que agocharnos detrás dunha careta” e poden reivindicar o proxecto social, laboral e o modelo de país porque “non renunciamos ao noso ideario para arañar uns votos”.
Autocrítica
O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, chamou a facer “autocrítica” e unha “reflexión profunda sobre os erros que cometemos nesta campaña, máis tamén ao longo dos últimos anos” que derivaron nuns resultados “malos” nas pasadas eleccións autonómicas.
Apuntou tamén á “situación difícil” de partida, cun candidato sen apenas tempo para presentarse fronte a unha candidata do BNG con 20 anos de presenza no Parlamento e que era a terceira vez que se presentaba. Do outro lado, o candidato do PP comparecía logo de 2 anos como presidente da Xunta e logo de 15 anos como membro destacado do goberno.
Explicou que o adianto electoral buscaba unha campaña “o máis curta e plana posible, evitando afianzar o proxecto de Besteiro”, e a partir de aí produciuse un proceso de polarización electoral. Un escenario que buscaba o BNG para presentarse como forza hexemónica da esquerda, e un PP que quixo mobilizar ao electorado sobre a idea de frear un proxecto soberanista que non comparte a maioría social de Galicia.
Rexeitou do mesmo xeito “análises simplistas” como a do PP, que “pretende vender unhas eleccións autonómicas como un plebiscito sobre a figura de Feijóo” e que en realidade “é un insulto ao electorado galego”. O mesmo sucede con “altos responsables do BNG que din que os resultados demostran que o 31 po cento dos galegos e galegas apoian ao soberanismo”.
Chamou a culminar o proceso que abriu hoxe cun “proxecto estable que perdure no tempo” e que permita frear a caída de representatividade escollendo “ao mellor e á mellor”. Pediu “unidade como valor fundamental” para os momentos que veñen e revitalizar un proxecto que “converta Galicia un país de oportunidades, orgulloso de si e aberto ao mundo”. Departamento de ocmunicación