A CORUÑA | O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, visitou hoxe a sede da Asociación Galega de Asperger (Asperga) para coñecer de primeira man os programas que desenvolve a entidade. Na compaña da deputada de Política Social, Mar García, reuniuse coa presidenta de Asperga, Rita González; a vicepresidenta, Montse Triñanes, e a directora, Marisol García, ademais doutros membros da xunta directiva, que lle trasladaron diversas necesidades da asociación.
Segundo lle explicaron as directivas ao presidente provincial, un dos principais retos que enfrontan as persoas con asperger é acadar unha vida autónoma, para o que é imprescindible que accedan a un posto de traballo. Valentín González Formoso mostroulles o interesa da Deputación de estudar vías de colaboración con Asperga para promover a inserción laboral do colectivo. Entre outras posibilidades, propuxo avanzar na formalización dun convenio que permita aproveitar con ese fin, a modo de programa piloto, a rede provincial de coworkings .
Asperga comezou a traballar no ano 2006 e dende entón vén prestando servizo a persoas con asperger e a familias. Tal como explicaron as directivas, moitos dos nenos e nenas cos que se traballou ao longo destes anos son agora adultos que precisan de apoio para a súa empregabilidade.
A asociación presta servizos especializados a persoas con trastorno de espectro autista, entre que se atopan, entre outras, a valoración e a intervención psicolóxica, logopédica ou en terapia ocupacional, ademais de desenvolver programas de habilidades e de asesoría sociais. O seu labor inclúe tamén a atención ás familias, a centros educativos e a profesionais da saúde.
A Deputación da Coruña vén sufragando nos últimos anos diferentes programas de Asperga a través de subvencións para o mantemento de programas sociosanitarios. O pasado ano, a achega provincial ascendeu a 14.796,43 euros, que se destinaron ao programa da entidade para o asesoramento a persoas con síndrome de Asperger e autismo e ás súas familias. Departamento de comunicación