REDACCIÓN | A secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, criticou hoxe a renuncia de Pedro Sánchez a que España conte cuns Presupostos para este ano porque isto suporá que “Galicia perderá investimentos e proxectos fundamentais para o noso futuro” e neste sentido reivindicou a postura do seu partido: “Seguiremos insistindo, esixindo e reivindicando o que corresponde a Galicia”.
“Nós xa non confiabamos en que Sánchez sacara adiante ningún proxecto beneficioso para Galicia, con ou sen Presupostos. Pero moito menos sen Presupostos”, explicou a número dous dos populares galegos recordando que onte mesmo o presidente Alfonso Rueda anunciaba o encargo dun informe sobre as consecuencias que terá para a nosa Comunidade o feito de que non se aproben as Contas do Estado.
Fixo así unha contraposición entre o que acontece en Galicia, onde os galegos “contan cun Goberno que se debe única e exclusivamente aos galegos”, e o que acontece en España, onde “os que non obtiveron a confianza maioritaria da cidadanía cando lla pediron débense só aos intereses dos socios que os manteñen no poder”.
Unha situación que quedou de manifesto coa convocatoria das eleccións en Cataluña e a evidencia da “humillación que supón que sexan son os socios de Sánchez os que marcan os tempos e a duración da Lexislatura”. E, do mesmo xeito, coa aprobación onte da Lei de Amnistía.
“A lei que Sánchez nos vendeu como a gran solución aos problemas de España e como un elemento de concordia e estabilidade, resulta nun afondamento da crispación e da inestabilidade”, sostén Paula Prado ao tempo que conclúe que “Sánchez cre que gaña cando en realidade quen perde é España e, polo tanto, perde tamén Galicia”..
Os deputados do PPdeG no Congreso piden a reprobación de Tezanos
Nunha rolda de prensa na que fixo un balance da actualidade desta semana, a secretaria xeral do PPdeG referiuse tamén ás palabras de José Félix Tezanos sobre os resultados das eleccións autonómicos e ironizou sobre o feito de recorrer ao “insulto aos galegos” como “nova forma de facer investigacións sociolóxicas”.
Neste sentido reprochou ao responsable do CIS que “faga pasar por parvos aos máis de 700.000 galegos e galegas que o 18 de febreiro escolleron a papeleta do PPdeG” e “reduza a estereotipos un apoio maioritario de máis do 47% a Alfonso Rueda.
“Xa hai tempo que o señor Tezanos debería ter dimitido, pero el carece da dignidade necesaria para facelo e quen o nomeou directamente non coñece o significado desa palabra”, conclúe anunciando que os deputados do PPdeG no Congreso veñen de rexistrar unha proposición non de lei solicitando a súa reprobación na Cámara Baixa.
Paula Prado afirma que “a esquerda vese obrigada a recorrer ao insulto porque o 18 de febreiro foi rotundamente derrotada” e subliña que a vitoria de Alfonso Rueda “desmontou todos e cada un dos mantras que levan anos repetindo”.
“Dicían que unha alta mobilización beneficia é esquerda, pero a mobilización histórica nas autonómicas deu ao presidente Rueda a súa primeira maioría absoluta. Dicían que a esquerda é quen mellor defende ás mulleres ou que a mocidade é de esquerdas, pero o PPdeG foi a opción preferida das mulleres galegas e tamén do electorado menor de 30 anos”, explicou engadindo que tamén se dicía que o PPdeG “gaña eleccións grazas á Galicia rural” e, en realidade, volveu ser a forza maioritaria tanto nos pequenos concellos como nas grandes cidades.
Constitución do Parlamento e inicio dunha nova lexislatura
A secretaria xeral dos populares galegos explicou que o PPdeG “está máis que preparado” para o inicio dunha nova Lexislatura na que “daremos todo para avanzar cara a Galicia do futuro e a carón dos galegos e galegas” e na que Alfonso Rueda estará arroupado polo “equipo da Galicia que funciona” no Parlamento.
“Os galegos déronnos a súa confianza e nós, a cambio, prometeremos ser fieis ao seu mandato e devolverémoslle esta confianza do xeito que mellor sabemos facer”, asegurou garantindo que os 40 deputados do PPdeG “traballaremos incansablemente durante os próximos catro anos polo futuro da nosa terra e estaremos desde o primeiro día ao servizo de Galicia”.
Concluíu lembrando que os deputados do PPdeG no Congreso dixeron ‘non’ á impunidade, á chantaxe e a un Goberno sometido ao endependentismo. Mentres que pola súa banda, os 40 deputados do partido no Parlamento galego o próximo luns “diremos ‘si’ á Galicia do futuro”. Departamento de comunicación