REDACCIÓN | O responsable do Grupo Socialista, José Ramón Gómez Besteiro, comprometeu hoxe unha oposición “con ambición de país” que dea “voz a tódalas galegas e galegos sen deixar a ninguén atrás”. Así o dixo logo da Sesión Constitutiva do Parlamento que marca o comezo da XII Lexislatura, na que a parlamentaria socialista Patricia Iglesias foi elixida como vicesecretaria da Cámara.
O responsable socialista anunciou unha oposición “firme, responsable e construtiva” na defensa dos dereitos sociais e coa mirada posta na blindaxe dos servizos públicos. Comprometeu a aposta por “confirmar e apoiar iniciativas que xeren a mellora económica de Galicia”, para que avance cara o obxectivo de converterse “nun país que pese no Estado” aproveitando as súas potencialidades económicas, “que son moitas”.
José Ramón Gómez Besteiro comprometeuse a darlle “voz a tódolos galegos e galegas”, independentemente do sentido do seu voto, e de artellar unha oposición dirixida a “elevar o nivel da Xunta de Galicia”.
Mesa do Parlamento
Na sesión hoxe foi escollida a Mesa do Parlamento, que incorporou á parlamentaria socialista Patricia Iglesias como vicesecretaria, o que foi valorado “positivamente” por parte de Gómez Besteiro, que sinalou que deste xeito recoñece a “pluralidade” política da Cámara. Explicou que este feito resulta “bo para todos”, tamén pola imaxe que a institución lle traslada á cidadanía. Departamento de comunicación