REDACCIÓN | O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, animou hoxe no acto conmemorativo do Día Mundial da Síndrome de Down a “traballar cada día pola inclusión e a igualdade de oportunidades”. Down Galicia elixiu este ano o Teatro Jofre de Ferrol para a celebración da súa gala do 21 de marzo, coincidindo co 30.º aniversario da asociación Teima Down, da que o presidente provincial destacou o seu traballo durante esas tres décadas en eidos coma a atención temperá, a inclusión educativa ou o fomento da vida autónoma.
Na súa intervención, Formoso chamou tamén a unirse ao lema proposto este ano polas Nacións Unidas, “Rematar cos estereotipos”, e invitou, nese senso, a “desbotar ideas preconcibidas que só levan a infravalorar e excluír”. Lembrou que a trisomía 21 “é unha condición común a máis ou menos un de cada mil nacidos” e afirmou que o conxunto da sociedade debe ter como obxectivo que “poidan vivir coma calquera outra persoa, gozar das alegrías e enfrontar os problemas”.
O presidente fixo referencia ao apoio que a Deputación presta a entidades coma Teima, o que considerou “unha responsabilidade”, pero destacou que tamén produce “unha gran satisfacción” comprobar como esa axuda se traduce en mellorar a vida de moita xente.
“Se queremos, a inclusión efectiva non só é posible: é unha realidade”, concluíu antes de felicitar aos galardoados. Nesta ocasión foron o Centro Municipal de Emprego de Ferrol, na categoría institucional, e a psicomotricista Xoana Balado, na categoría particular. En ambos casos, destacou a súa longa traxectoria. No primeiro, no ámbito da integración laboral, e no segundo, por “toda unha vida” dedicada á atención temperá. Departamento de comunicación