REDACCIÓN | O portavoz do Grupo Socialista e candidato a secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, emprazou hoxe ao presidente da Xunta a apoiar os Orzamentos do Estado. Así o dixo na sede do PSdeG, onde presentou o máximo de avais como candidato a dirixir o partido, no que é o último trámite antes da súa proclamación e do Congreso convocado para finais de abril.
Besteiro emprazou ao presidente galego en funcións a ser consecuente e apoiar os Orzamentos Xerais do Estado. Explicou que “para iso ten que saber de que lado está, se do lado de Feijóo e da súa estratexia de confrontación e de votar todo en contra aínda que prexudique aos intereses dos galegos de das galegas ou dunha posición máis construtiva”.
Lembrou que o PP vén de votar sistematicamente en contra dos Orzamentos e esixiulle que se “poñan de acordo en se queren Orzamentos ou non”. Lembrou que o PP ten votado en contra da senda de estabilidade que vai restar case 250 millóns de euros á economía galega, igual que votaron contra da suba das pensións, das bonificacións do transporte ou dos beneficios sociais presentados polo PSOE.
Gómez Besteiro replicoulle ao presidente da Xunta, que onte alertaba dunha suposta caída de ingresos para Galicia pola decisión de aprazar os Orzamentos Xerais, que “sabe que non di a verdade”. Explicou que as aportacións do Estado para Galicia suporán preto de 10.000 millóns de euros este ano, unha suba do entorno do 7 por cento, independentemente de que os Orzamentos estean aprobados.
Ademais, lembrou que o PSOE ten presentado unha emenda a comezos de marzo para permitir incorporar a liquidación de 2022, co que aumentarían ata a cifra récord de 10.600 millóns de euros.
Avais
Así o dixo o responsable socialista na sede do PSdeG, onde presentou diante da Comisión de Ética e Garantías os máximo de avais requiridos para a súa candidatura a secretario xeral.
Gómez Besteiro presentou máis dun millar de sinaturas, superando a cifra requirida, que oscila entre o mínimo de 600 e o máximo de 1.000 apoios dos en torno a 10.000 militantes cos que contan os socialistas galegos. Gómez Besteiro será proclamado de forma definitiva como secretario xeral transcorridas as 24 horas previstas para presentar recursos, xa que foi o único aspirante que se ten presentado a un proceso que culminará co Congreso convocado para finais de abril coa designación da nova Executiva do PSdeG.
Altri
O responsable socialista respondeu tamén as preguntas dos xornalistas sobre o proxecto de Altri en Palas de Rei ratificando o apoio dos socialistas galegos aos proxectos industriais pero cun respecto escrupuloso aos requisitos medioambientais autonómicos, estatais e europeos como beneficiaria de fondos comunitarios.
Advertiu dos cambios coñecidos no proxecto da multinacional portuguesa, que “ía ser unha fábrica téxtil ecolóxica, e agora semella que ten unha parte importante de celulosa”, e que pasou de prometer 1.500 empregos a proxectar 500. Subliñou que “o que nos ocupa e nos preocupa” é o cumprimento dos requisitos medioambientais por parte das iniciativas empresariais.
Gómez Besteiro reclamoulle ao goberno galego que explique “canto está disposta a aportar” ao declarar este proxecto como estratéxico, e clarificar “se a viabilidade vai pasar polo financiamento e subvencións publicas ou vai ter viabilidade propia”. Departamento de comunicación