REDACCIÓN | O Pleno da Deputación de Lugo aprobou hoxe por unanimidade a relación de actuacións e proxectos que os 67 concellos da provincia propuxeron para executar con cargo ao Plan Deputación de Cooperación cos Concellos 2024, que nesta anualidade conta con 21,75 millóns de euros de fondos da institución provincial. Deste xeito, o Goberno provincial sacou adiante a súa proposta a favor deste programa de investimentos, que inxecta en total máis de 25 millóns de fondos públicos no tecido socioeconómico da provincia, tendo en conta as achegas dos concellos, que superan os 2,5 millóns.
Destacou o Presidente da Deputación, José Tomé Roca, que é o cuarto ano consecutivo que esta ferramenta se aproba no primeiro trimestre do ano, permitindo así aos concellos “planificar as súas accións, traballar con máis previsión, aproveitar mellor os recursos e dar unha resposta máis áxil aos veciños e veciñas”. Tamén animou á Xunta de Galicia a poñer en marcha “unha ferramenta similar” para “garantir a equidade” no reparto dos fondos públicos e “evitar usos partidistas” dos mesmos.
A Deputada de Economía, Recadación, Facenda e Especial de Contas, Carmela López Moreno, explicou que con este instrumento de cooperación a Deputación garante a distribución dos recursos públicos entre os 67 concellos da provincia “con criterios públicos e obxectivos”, e que os concellos presentaron as súas propostas para investir estes fondos da institución provincial aos diferentes programas: investimentos; Servizo de Axuda no Fogar (SAF); reforzo do emprego; actividades culturais; actividades deportivas; actuacións e eventos turísticos; feiras e mercados; administración electrónica e protección de datos; e protección civil.
Nas peticións das entidades locais teñen prioridade os investimentos, aos que deciden dedicar preto de 17 millóns -case o 70% do total dos fondos-, para acometer 331 obras e subministracións; seguido da creación de emprego, á que destinan 3,7 millóns cos que crearán 301 postos de traballo; e do Servizo de Axuda no Fogar (SAF), para o que os concellos de menos de 20.000 habitantes reciben 3M€ para atender a unhas 2.000 persoas....
Modificación do orzamento
Na sesión de hoxe tamén se lle deu o visto bo a unha modificación do Orzamento da Deputación de Lugo para este ano 2024, mediante Transferencia de Crédito e Suplemento de Crédito, precisamente para poder materializar o Plan Deputación. A Deputada de Economía, Recadación e Facenda, Carmela López, detallou que coa Transferencia de Crédito, se modifican as partidas orzamentarias que estaban consignadas inicialmente no Presuposto para adaptalas ás necesidades manifestadas polos concellos. E, por outra banda, co Suplemento de Crédito, incorpóranse aos Orzamentos algo máis de 10 millóns con cargo ao Remanente Líquido de Tesourería, o que permite que a dotación económica do Plan Deputación deste ano alcance os 21,75 millóns.
Así mesmo, acordouse a incorporación de 4,3M€ de remanentes ao Orzamento deste ano 2024 para “seguir reforzando a cooperación da Deputación cos concellos, e o apoio ao tecido social e económico da nosa provincia, para que poidan manter ou impulsar novas accións que contribúan a mellorar a calidade de vida e o benestar dos veciños e veciñas, así como á dinamización da actividade económica e do emprego, nun contexto que continúa sendo complicado para a cidadanía”, detallou López, ao tempo que concretou a Deputada que estes fondos “irán destinados a distintos eidos que consideramos fundamentais para o noso territorio, como son a cultura, a mocidade, o deporte, o medio rural, o turismo, a atención á cidadanía e as transferencias ós concellos”.
Cambio de titularidade
Por outra banda, o Pleno da Deputación aprobou as solicitudes de cambio de titularidade de dous tramos doutras tantas estradas provinciais. Por un lado, acordouse a cesión ao Concello de Monterroso de algo máis de 200 metros da LU-P-3301, que conecta a vila co lugar do Marco, na parroquia de Ligonde. En concreto, o treito cedido vai do inicio da vía ao punto quilométrico 0,210.
Por outra banda, aprobouse transferir a titularidade ao Concello de Outeiro de Rei dun treito de máis de dous quilómetros da LU-P-3907, que comunica a parroquia de Arcos co polígono do Ceao. Trátase en concreto do tramo que vai da intersección desta vía provincial coa LU-P-3906 –de Bonxe a Rozas- ata o límite municipal co concello de Lugo. É un tramo con moito tráfico porque é onde se sitúa o complexo deportivo D10. Departamento de comunicación