REDACCIÓN | O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, vén de rexistrar novas iniciativas ante o procedemento de infracción aberto pola Comisión Europea ao Estado español pola prórroga da concesión da AP-9. A organización nacionalista ve no segundo expediente de infracción ao Estado español “unha oportunidade de ouro” para declarar nula a concesión actual co obxectivo de ter unha AP-9 “pública, galega e libre de peaxes”.
“As portaxes da AP-9 son un lastre para a economía galega, para a súa competitividade, para a mobilidade e para a cohesión territorial e social da Galiza porque é unha autoestrada que vertebra o país de norte a sur. Esta infraestrutura viaria está mais que amortizada” denuncia o deputado do BNG. De facto, desde o ano 2013, “os galegos e galegas non tiñan que ter pagado nin un euro máis e se continuamos a pagar estas portaxes é grazas ao goberno do PP de Aznar” que, por riba, acordou de xeito irregular a prórroga da concesión.
En opinión da organización nacionalista, o segundo expediente realizado pola Comisión Europea “é unha oportunidade de ouro para conseguir que a AP-9 sexa, por fin, unha AP-9 pública, galega e libre de peaxes”. Neste sentido, Néstor Rego reclama ao Goberno “dar por finalizada a concesión, recuperar a xestión pública da autoestrada e transferila á Xunta da Galiza”.
A curto prazo: aplicar as bonificacións acordadas
Paralelamente, o deputado nacionalista lembrou a necesidade de que o Goberno do Estado aprobe xa as novas bonificacións para as persoas usuarias da autoestrada do Atlántico. “O acordo de investidura conseguido polo BNG recolle descontos de até 75% para usuarios e usuarias recorrentes. O Goberno do Estado, sen contar con Orzamentos, pode e debe aplicar estas bonificacións mentres non declare nula a concesión” afirma.
A Comisión Europea e o procedemento de infracción aberto ao Estado
A Comisión Europea recolle no seu informe, segundo os datos feitos públicos pola prensa, que na concesión da prórroga da AP-9 houbo defectos de forma e tamén de fondo. Así mesmo, considera que o verdadeiro obxectivo das prórrogas -da AP-9 e da AP-66- era aumentar o seu valor e facelas máis atractivas de cara a unha futura venta, xa prevista nese momento, facéndoas así máis rendíbeis.
Para máis inri, o informe rebate as alegacións do Goberno -que nunca foron divulgadas polo Ministerio de Transporte- e afirma que non se garantiu a transparencia e igualdade de trato aos licitadores e que se fixo para maximizar o prezo na privatización de AUDASA dous anos máis tarde.
Toda esa información dáse a coñecer xunto coa apertura dun segundo expediente de infracción ao Estado español, en que require de novo explicacións sobre a prórroga da concesión sen concurso público e emite unha carta de emprazamento complementario porque continúa a observar incumprimentos das normas sobre a concesión de autoestradas.
O organismo comunitario considera que o Estado español ampliou a concesión sen aplicar adecuadamente os procedementos de licitación estabelecidos nas normas da UE sobre concesións, un procedemento que foi inexistente posto que se prorrogou automaticamente por orde do Goberno do Partido Popular. Non houbo anuncio de licitación nin procedemento de adxudicación do contrato. Departamento de comunicación