REDACCIÓN | A nova Executiva do PSdeG reuniuse hoxe por primeira vez tras o Congreso extraordinario do pasado domingo, coincidindo co 145.º aniversario da fundación do PSOE. O secretario xeral, José Ramón Gómez Besteiro, explicou tras a xuntanza que os socialistas aspiran a unha Galicia “capaz de crecer máis”, fronte á situación na que agora se encontra a comunidade, “entre as últimas” en canto a PIB. “Galicia atópase lonxe do crecemento do resto de España e perde oportunidades e impulso”, afirmou.
De acordo con iso, o secretario xeral trazou as principais liñas de acción do seu equipo, que se centrarán, por unha banda, “na economía, no emprego de calidade e en aumentar a taxa de actividade”, e por outra, “nos dereitos públicos: sanidade, dependencia, servi-zos sociais e ensino”. Finalmente, outro bloque de asuntos incluirá o autogoberno, o financiamento autonómico e local e “a capacidade de Galicia para influír en España”.
Besteiro definiu sobre eses tres piares o traballo dos vindeiros meses. Tamén incluíu a preparación da conferencia política do próximo outono, “na que se redefinirá o proxecto dos socialistas”, así como a das eleccións ao Parlamento Europeo, “cun programa com-partido a nivel estatal”, pero co que o PSdeG aspira a que asuntos como o agro, a industria ou a transición enerxética “estean na axenda de Europa nos vindeiros anos”.
Ao tempo, a Executiva afondou na proposta de pacto “por unha rexeneración democrá-tica real en Galicia”, unha iniciativa, dixo o secretario xeral, “que non é cuestión de esquerdas ou de dereitas, senón que é unha cuestión de país”.
Patricia Iglesias
A portavoz de Industria do Grupo Socialista, Patricia Iglesias, responsabilizou ao goberno galego da cascada de paralizacións de proxectos de parques eólicos polo TSXG. Así o dixo no debate dunha proposición non de Lei en Comisión para reclamarlle ao goberno galego un pacto polo sector eólico de Galicia que foi rexeitada polo PP, demostrando que “non apostan firmemente pola implantación ordenada da enerxía eólica”.
Iglesias advertiu que o empecinamento do goberno galego por vulnerar as áreas delimitadas polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e de ignorar os informes sobre hábitats prioritarios e de interese comunitario provocou a paralización de máis de 20 parques eólicos.
Advertiu que a “inexistente” política eólica do goberno galego “só nos leva a incrementar o rexeitamento da cidadanía, dos concellos afectados, das asociacións ecoloxistas e das propias organizacións agrarias, e incluso do propio sector eólico” nas localizacións escollidas para a construción de parques. Insistiu en que “é preciso acordar e manter o equilibro territorial e medioambiental para transformar e crear industrias sostibles”.
Iglesias advertiu que “tan insensato é pretender o desenvolvemento indiscriminado de toda a potencia eólica solicitada en Galicia como optar por unha prohibición total de novos desenvolvementos de enerxía eólica”. En suma, reclamoulle á Xunta que asuma como prioridade a implantación de enerxía eólica de forma ordenada e con seguridade xurídica.
Reclamou unha “nova estratexia para a enerxía eólica” que compatibilice o desenvolvemento dos parques co seu encaixe social e un impacto medioambiental asumible en base ao pacto polo sector eólico proposto polos socialistas galegos. Dixo que os parques deben ser instalados cun axeitado consenso coa veciñanza, respectando a integración medioambiental, garantindo sinerxías coa creación de emprego e valor engadido e garantindo a axeitada fiscalidade.
Iglesias explicou que, diante do rexeitamento por parte do PP a esta iniciativa, os socialistas galegos levarán á próxima sesión plenaria esta mesma proposta, que cualificou de “útil e realista”, para avanzar no debate sobre o desenvolvemento do sector eólico á próxima sesión plenaria para avanzar no debate.
Advertiu que o sector precisa dunha nova normativa, que “non se vai resolver coa sociedade público - privada Recursos de Galicia”, que semella concibida para sortear a Lei de Funcionamento da Administración xeral de Galicia -Lofaxga- no que se coñece como “fuxida do dereito administrativo”. Departamento de comunicación