El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Conchi Basilio
Sociedad

GALICIA | VIMIANZO

A Asociación Española Contra o Cancro presentou o seu Club de Saúde en Vimianzo

04-05-2024 17:37:59
Asociación Española Contra o Cancro.

REDACCIÓN | A Asociación Española Contra o Cancro presentou hoxe o seu Club de Saúde na Casa da Cultura de Vimianzo, en colaboración co Concello. Esta innovadora iniciativa está deseñada para mellorar a saúde integral -física, emocional e social- das persoas nas contornas rurais, proporcionando ferramentas para fomentar un maior benestar, e conta co apoio da Consellería de Sanidade. 

Á presentación asistiron Javier Álvarez Barbeito, representante do Consello Provincial da Asociación Española Contra o Cancro, Mónica Rodríguez, alcaldesa de Vimianzo, María Paz Rodríguez, presidenta da Xunta Local da Asociación en Vimianzo, e Teresa Castro, xefa de Servizo do Centro de Saúde de Vimianzo... 


Un proxecto pola saúde integral en Vimianzo

O Club de Saúde de Vimianzo é un proxecto pioneiro que busca facilitar o acceso a recursos de saúde integral, especialmente en áreas onde estes servizos poden ser menos accesibles, fomentando o concepto de equidade que a Asociación defende. Dirixido a pacientes con cancro, superviventes e os seus familiares, o club ofrece un espazo semanal de encontro e apoio. Entre as actividades que se levarán a cabo por un equipo de profesionais especializados e voluntarios da Asociación, inclúense talleres sobre nutrición, exercicio físico adaptado, promoción de hábitos saudables, desenvolvemento de habilidades no manexo de emocións, e actividades que promoven a inclusión social e o benestar comunitario. O proxecto piloto arrancará en Vimianzo e levarase a cabo tamén en Cedeira e Melide, con ánimo de crecer nun futuro en máis puntos do territorio da provincia coruñesa.  

O Club de Saúde de Vimianzo terá lugar no Centro de Saúde, os martes de 17:00 a 18.30 horas, desde o 4 de xuño ao 26 de novembro. A participación no club é completamente gratuíta -como tódolos programas e servizos da Asociación Española Contra o Cancro-, requirindo unicamente dunha derivación por parte do médico de cabeceira ou a través dos voluntarios da Asociación Española Contra o Cancro en Vimianzo.


Pola equidade fronte ao cancro

A Asociación Española Contra o Cancro salienta cos Clubs de Saúde a importancia de fomentar a equidade no acceso aos recursos de saúde integral, especialmente en áreas rurais onde os servizos non sempre son tan accesibles como en núcleos urbanos. Para iso, o traballo en rede é fundamental nos Clubs de Saúde, que non só achegan recursos de saúde aos municipios, senón que tamén fortalecen as comunidades rurais, creando espazos para que as persoas poidan conectar, compartir experiencias e apoiarse mutuamente, axudando a romper o illamento que a miúdo enfrontan as persoas con cancro. Ademais, os Clubs de Saúde fomentarán a atención próxima e a comprensión das necesidades locais, clave para responder efectivamente ás necesidades específicas de cada municipio, abordando tamén a soidade non desexada e as vulnerabilidades que poden xurdir co cancro.  

A Asociación Española Contra o Cancro é a entidade de referencia na loita contra o cancro desde hai 70 anos. Dedica os seus esforzos para mostrar a realidade do cancro en España, detectar áreas de mellora e poñer en marcha un proceso de transformación social que permita corrixilas para obter unha abordaxe do cancro integral e multidisciplinar. No seu ADN está estar á beira das persoas polo que o seu traballo tamén se orienta a axudalas a previr o cancro; estar con elas e as súas familias durante todo o proceso da enfermidade; e mellorar o seu futuro co impulso á investigación oncolóxica. Neste sentido, a través da súa Fundación Científica, a Asociación aglutina a demanda social de investigación contra o cancro, financiando por concurso público programas de investigación científica oncolóxica de calidade. Hoxe en día, é a entidade social e privada que máis fondos destina a investigar o cancro: 104 millóns de euros en 565 proxectos, nos que participan máis de 1.500 investigadores.  

A Asociación integra a pacientes, familiares, persoas voluntarias e profesionais que traballan unidos para previr, sensibilizar, acompañar ás persoas afectadas e financiar proxectos de investigación oncolóxica que permitirán un mellor diagnóstico e tratamento do cancro. Estruturada en 52 Sedes Provinciais, e presente en máis de 2.000 localidades españolas, conta con case 30.000 persoas voluntarias, máis de 500.000 socios e case 1.000 profesionais. Durante o 2023, a Asociación Española Contra o Cancro atendeu a 150.000 persoas afectadas pola enfermidade. Departamento de comunicación





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias