El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Cartas al Director
Nacional

GALICIA | POLÍTICA

O BNG arranca este domingo a precampaña das eleccións europeas

10-05-2024 16:27:59
Ana Miranda, eurodeputada do BNG.

REDACCIÓN | O BNG arranca este domingo a precampaña das eleccións europeas do próximo 9 de xuño cun encontro nacional aberto de afluencia masiva que reunirá a centos de militantes, simpatizantes e responsables políticos no Auditorio Mar de Vigo, cidade na que o Bloque Nacionalista Galego foi a forza máis votada nas pasadas eleccións do 18 de febreiro. 

A formación nacionalista abre con esta convención o seu calendario de actos de cara a cita coas urnas ao Parlamento Europeo, para a que desenvolverá unha campaña 100% galega, centrada na valoración do traballo realizado ao longo dos últimos anos en defensa do País e na que explicará todo que se xoga Galiza o próximo 9 de xuño, sobre todo en sectores estratéxicos como o agrogandeiro, o pesqueiro ou o vitivinícola, ou en cuestións tan relevantes como as infraestruturas, as conexións con Portugal ou a rexeneración das rías. 

O BNG concorre a estes comicios co obxectivo de reforzar un escano que considera a única garantía de que Galiza teña voz propia en Europa e faino cunha candidatura que encabeza novamente Ana Miranda, cuxo incansable e rigoroso labor en defensa do País é o mellor aval á hora de pedir o apoio a unha candidatura da que forma parte tamén un conxunto de homes e mulleres comprometidas co futuro de Galiza e referentes en ámbitos como o académico, o social, o cultural, o ambiental e tamén de sectores produtivos especialmente afectados polas políticas da Unión Europea.  

Neste sentido, tanto a propia Miranda como a portavoz nacional, Ana Pontón, abordarán nas súas intervencións a necesidade de darlle máis forza ao escano nacionalista para que Galiza poida facerse escoitar, negociar e defender os seus intereses en Europa, pero tamén para velar polos avances sociais e os dereitos da clase traballadora nas institucións comunitarias, nun contexto no que a crise de prezos provoca que moitas familias galegas non cheguen a final de mes.  

Así mesmo, o Bloque reafirma o seu compromiso coa construción dunha Europa dos pobos, esa outra Europa posible que non sexa mera comparsa de Estados Unidos e da OTAN, senón que defenda un mundo máis libre, máis xusto, máis solidario e en paz.  

Ademais dos discursos políticos de Pontón e Miranda tamén intervirán outros membros da candidatura, como Roberto Pascual, dramaturgo, profesor da Escola Superior de Arte Dramática; Miriam Opazo, creadora audiovisual; Roxelio Santos, mariñeiro e divulgador do mundo do mar e Bieito Lobeira, membro da Executiva nacional e gran coñecedor do sector pesqueiro, un dos máis afectados polas decisións da UE. Departamento de comunicación





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias