REDACCIÓN | O BNG deu o pistoletazo de saída á precampaña das eleccións europeas cun acto masivo en Vigo, cidade na que foi a primeira forza política nos comicios galegos. De cara a próxima cita coas urnas, a portavoz nacional, Ana Pontón, proclamou que o BNG é o equipo da casa, a candidatura de País.
“É a candidatura que os galegos e as galegas poden sentir como propia porque somos o equipo da casa, o único que vai defender as cores de Galiza, desde a razón e desde o corazón, con toda a nosa a forza”, proclamou Pontón, poñendo como aval o traballo da candidata Ana Miranda, “a voz enérxica, incansable e irredutible de Galiza en Bruxelas”.
Pontón subliñou o inxente labor da candidata, que mesmo lle valeu o alcume de Madame Galice, “porque cada vez que tomou a palabra foi para falar de Galiza, dos problemas reais da xente real”, en contraste cun PP que mesmo ten votado en contra dos intereses do País. Por iso, “o escano do BNG foi o escano do pobo galego e así seguirá con máis forza a partir do 9X”, subliñou, “porque Galiza ten que ter voz propia en Europa para facerse escoitar, para defender os intereses da xente do mar e do rural, do noso medio ambiente e territorio, unha voz a favor dos dereitos sociais e da clase traballadora”.
Fronte a un BNG que só se debe ós galegos e ás galegas, un Partido Popular que mira cara Madrid, cada vez máis centralista e máis ultra, criticou a portavoz nacional. “A lealdade do PP de Rueda está na rúa Génova, co lobby eléctrico, coas súas empresas amigas e cunha monarquía corrupta, caduca e antidemocrática”, denunciou, por contra, “a nosa única lealdade é con Galiza, por iso somos o equipo da casa e por iso podemos presentarnos o 9 de xuño ante a cidadanía e pedirlle o seu apoio co aval do traballo feito, co orgullo de ter defendido os intereses deste País, antes, agora e sempre”.
Neste sentido, recalcou que o traballo do BNG en defensa do País en Bruxelas ven de lonxe, lembrando que foi a voz reivindicativa na Eurocámara tras o Prestige; cando a traxedia do Alvia, cando salvou a frota do xeito ou reclamando a rexeneración das rías logrando que hoxe O Burgo estea libre de lodos. Pontón avanzou que o Bloque desenvolverá unha campaña cen por cen galega sen permitir que nada o desvíe dese obxectivo, tras advertir que o PP repetirá a mesma campaña sucia das eleccións galegas.
“Diante dun PP empeñado en enlamar o debate, no BNG falaremos de pesca, do prezo do leite, de como ter un rural vivo; fronte a un PP instalado no insulto e na mentira; nós de cambio climático, do futuro da xente moza; fronte a un PP sen alternativas, falaremos das nosas propostas para defender os intereses de Galiza en Europa. Esa é a campaña que merece a cidadanía; 100% centrada neste País e na súa xente, 100% galega”, proclamou.
Con voz e voto
A líder nacionalista defendeu o dereito de Galiza a estar presente na UE “con voz e voto” cando se negocien asuntos que afectan directamente, en particular no relativo ós sectores produtivos, “porque ninguén mellor que nós para defender o noso”, alegou.
O escano galego non só servirá para colocar Galiza na axenda europea senón que tamén contribuirá a construír a Europa dos pobos, que se visualiza na coalición electoral na que participa o BNG, coalición que representa a vontade de avanzar na igualdade, na xustiza e nos dereitos sociais desde unha visión plurinacional, plurilingüe e pluricultural. Unha Europa que en lugar de mirar para outro lado ante o xenocidio do pobo palestino, loite pola paz no mundo; que poña as persoas por diante da banca e dos lobbys e para construír esa Europa, subliñou, “tamén vale o escano do Bloque”. Pontón concluíu instando a toda a militancia a saír a por todas este 9X, “a polo escano galego porque Galiza merece ter unha voz propia e libre que a represente e a defenda, a voz do BNG da man de Ana Miranda”.
Miranda, traballar sen pausa por Galiza e pola humanidade
Pola súa banda, a número un na lista do Bloque ás europeas, Ana Miranda, referiuse ao escano do BNG en Bruxelas como “o escano que defende os intereses de Galiza e que o fai libre, sen intermediarios”. “Ao único que lle temos que dar contas é ao Pobo galego!”, proclamou durante a súa intervención no Auditorio Mar de Vigo.
Miranda subliñou o “férreo compromiso co País” no traballo que o Bloque vén desenvolvendo dende o ano 1999 trasladando ao Parlamento Europeo e á Comisión as problemáticas e demandas “dos nosos sectores produtivos, dos nosos concellos ou das diferentes loitas sociais que houbo na terra e no mar”, dixo logo de referirse, entre outras cuestións, ao accidente do Alvia, ao Prestige, a crise dos pellets, a defensa da lingua, os intereses da pesca galega ou, máis recentemente, a loita contra a instalación da pasteira de Altri en Palas.
“Se estiveron presentes no Parlamento Europeo todos estes temas, cos enfoques que son relevantes para o País” foi grazas ao BNG”, salientou, para remarcar logo o seu compromiso a “seguir traballando sen pausa polo ben do País” e para mellorar a vida das persoas que viven en Galiza máis tamén para “facer e deixar un mundo mellor” . “Nós imos a Europa a defender as clases traballadoras deste País, non aos que concentran a riqueza nunhas poucas mans”, proclamou.
Miranda non esqueceu no seu discurso o “inmoral e cruel xenocidio” de Israel en Gaza e, tomando as verbas de Pepe Mujica, ao que visitou recentemente, manifestou “ningunha causa mundial nos é allea, hai que pensar na humanidade enteira”. “Non pode ser que a UE cruce los brazos diante deste xenocidio”, criticou durante un discurso que aproveitou para renovar o seu compromiso de traballar en Bruxelas “por Galiza e pola humanidade”. Departamento de comunicación