REDACCIÓN | A Xunta de Goberno da Deputación, na súa sesión ordinaria semanal, aprobou destinar unha axuda de 80.000 euros a favor da Fundación Hospital Asilo Nosa Señora dos Anxos de Ribadavia para gastos de funcionamento desta entidade.
Tamén referida á cooperación, aprobouse unha achega de 33.688 euros para o Concello de Monterrei destinada á execución da obra do Balneario Regueixo.
Para acometer dúas obras de mellora e acondicionamento en senllas estradas provinciais (OU-0304 entre A Armada (OU-404) - Astariz (OU-402); e na OU-0102 Xunqueira de Ambía - Polígono San Cibrao), a Xunta de Goberno tamén aprobou as correspondentes declaracións de utilidade pública e a necesidade de ocupación en ambas expropiacións forzosas nestas vías, en Castrelo de Miño e Xunqueira de Ambía, respectivamente.
Na mesma sesión tamén foi aprobada a modificación do destino da asignación do Plan de Cooperación, a petición do Concello de Quintela de Leirado por un importe de 56.571,75 euros.
Por ultimo, e referido á convocatoria do concurso público para a concesión de subvencións a entidades sen ánimo de lucro para a organización de actividades culturais e recreativas correspondentes ao exercicio 2024, a Xunta de Goberno fixou como prazo límite de presentación de solicitudes o 10 de xuño de 2024. Departamento de comunicación