REDACCIÓN | O portavoz do Grupo Socialista, José Ramón Gómez Besteiro, esixiulle hoxe ao presidente da Xunta “valentía” para atender ás demandas de transparencia na acción de goberno presentadas nos últimos informes da Valedora do Pobo e o Consello de Contas. O responsable socialista centrou a sesión de control ao presidente nos déficits institucionais e a falla de exemplaridade no goberno galego.
O líder do PSdeG responsabilizou ao presidente da Xunta da falla de transparencia na xestión do goberno galego e reivindicou un acordo por unha “democracia mellor e máis participativa dende a honestidade e a claridade”.
Gómez Besteiro avanzou hoxe na aposta pola rexeneración democrática que apuntara no Debate de Investidura e na que pediu avanzar “dende a honestidade e a claridade” a través de acordos parlamentarios “a ver se a proposta polo sentidiño é real ou unha mera ficción”. Neste senso lamentou que o presidente da Xunta empregara de novo a pregunta ao presidente no “camiño ridículo” de pedirlle contas á oposición.
Fixo un relatorio dos “déficits institucionais” da xestión do goberno galego por unhas prácticas que “poden e deben ser melloradas”. Sinalou á falla de información sobre a Sociedade de Recursos Naturais constituída antes de aprobar a Lei que a regula e que aínda non foi presentada no Parlamento, ou a ocultación de datos sobre vivenda ou da fusión das caixas que ten sinalado a Valedora do Pobo.
Afeoulle ao PP neste sentido o desprezo co que respondeu ao recente informe do Consello de Contas sobre a falla de rigor na contabilidade do Sergas. Lamentou que o PP teña reducido a “meras recomendacións” o que en realidade son unhas conclusións demoledoras e “cando menos para alarmarse”.
Criticou tamén que o PP reincorporara ao seu grupo ao concelleiro da Illa de Arousa condenado por violencia de xénero, o que “pode ser legal, pero non é exemplar”. Tamén criticou que mentres din apostar pola lingua votan en contra do uso do galego no Congreso, e animou ao PP a incorporarse á petición dos socialistas para acadar o recoñecemento do galego como lingua cooficial no Senado e no Parlamento Europeo.
Reclamou tamén afondar na renovación da CRTVG cunha aposta pola información veraz, logo de 312 “venres negros” de protesta pola plantilla pola falla de obxectividade e imparcialidade nos informativos nos que o presidente da Xunta “sae máis que os presentadores”. Lembroulle que esta práctica ten provocado a caída do 30 por cento na audiencia do ente e sinalou á renovación do director xeral, que depende dun acordo parlamentario.
AP-9
O responsable socialista reprochoulle ao presidente da Xunta que o PP se descolgara onte a última hora dunha proposta presentada polo Grupo Socialista para pedir a continuidade das bonificacións da AP-9. Sinalou que “nós votamos a favor da transferencia e da gratuidade da AP-9”, que será de peaxe ata 2048 pola ampliación da prórroga que decidiu o PP.
Os socialistas pediron onte apoiar o sistema de bonificacións que puxo en marcha o goberno de Pedro Sánchez, pero o PP votou en contra “e non sei por que”, apuntillou, cando “nese camiño debéramos estar todos no mesmo lugar”.
Gómez Besteiro aludiu a unha proposta para pedir a continuidade das bonificacións das peaxes, que foi presentada onte como emenda a unha proposición non de Lei que defendeu o BNG, pero que o PP pediu votar por separado para rexeitar así a parte presentada polo Grupo Socialista. Departamento de comunicación