El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Cartas al Director
Nacional

POLÍTICA GALEGA | ELECCIÓNS EUROPEAS

Pontón agradece o apoio de Anova ao BNG

20-05-2024 16:42:43
Ana Pontón (2d).

REDACCIÓN | A portavoz nacional, Ana Pontón, agradeceu o apoio de Anova á candidatura do BNG ás eleccións europeas, un apoio que fortalece “un espazo en defensa de Galiza, en defensa dos dereitos e das liberdades e en defensa doutra Europa posible” e que foi escenificado hoxe nun acto no que participaron os dirixentes de Anova, Xosé Manuel Beiras e Martiño Noriega, e a cabeza de lista, Ana Miranda. 

Pontón agradeceu “a altura de miras” de toda a militancia de Anova, e que exemplificou en Beiras e Noriega, cun apoio ante uns comicios que considerou “claves para Galiza” e nos que o Bloque quere reforzar un escano galego “que non só representa a unha organización, senón que representa a un País”. 

A portavoz nacional puxo en valor deste xeito a voz do BNG en Europa que non só é a de todos os galegos e galegas, senón tamén a que traballa “en favor das maiorías sociais e que quere contribuír a construír esa outra Europa posible”. “Unha candidatura de País e a favor da maioría social que quere contribuír dende Galiza a construír esa Europa que se constitúe dende os pobos, dende a defensa da democracia, as liberdades e os dereitos e tamén dende a defensa dun mundo mellor e máis xusto”, afondou. 

Neste sentido, salientou o traballo desenvolvido por Ana Miranda ao longo dos últimos anos non só como a persoa que lle deu voz aos intereses dos galegos e galegas na defensa do País, senón tamén na defensa dun modelo de Europa diferente ao actual. 

“É máis importante que nunca tamén ter nas institucións europeas unha voz que defenda esa outra Europa posible”, afirmou para salientar o papel do Bloque na defensa “desa Europa dos pobos fronte á Europa dos Estados e das multinacionais” ou na defensa “dunha Europa social fronte aos recortes que se impuxeron desde as institucións europeas que tanto están socavando os dereitos e a vida das persoas”. 

A líder nacionalista advertiu da necesidade de articular de igual xeito “unha Europa da paz” en confrontación a “esta Europa que está claramente subordinada á OTAN, sendo cómplice do xenocidio con Palestina e que quere alimentar un escenario no que se pon en risco a propia supervivencia da Humanidade”. 

Neste contexto, considerou preciso “responder dende a defensa do propia” nun momento no que hai distintas “emerxencias”. A “emerxencia galega” á hora de defender os intereses do País en Europa, a “emerxencia democrática” á hora de frear o auxe da dereita e da extrema dereita e a “emerxencia dos dereitos” dunha cidadanía que necesita “si ou si” voces en Europa que a defendan fronte “á involución que en moitos ámbitos xa están aquí”. 


Beiras e Noriega 

Nas mesmas claves se pronunciaron tanto Xosé Manuel Beiras como Martiño Noriega. O primeiro, recordando que a idea fundacional da UE pasaba precisamente por construír unha Europa dos Pobos, das “comunidades básicas,” e non dos Estados. “Esa era a idea orixinaria de Europa que sempre defendeu e defende o BNG”, afirmou Beiras. 

O segundo, destacando o apoio de Anova á candidatura de País que representa o BNG da man de Ana Miranda, que leva moitos anos sendo a voz dos intereses de Galiza en Europa, pero tamén a voz de todas as causas xustas nun proceso electoral ao que non só se nos convoca como galegos e galegas, senón tamén “como demócratas”, indicou Noriega en alusión ao “risco evidente do medre” dunhas dereitas e extremas dereitas que “xa son unha realidade”. 


Ana Miranda 

Pola súa parte, Miranda tamén agradeceu a “xenerosidade e o sentimento de País” de Anova á hora de apoiar unha candidatura que é “100% galega” e a única que leva os temas galegos á Unión Europea. “Se o Bloque non está, se esta candidatura de País non está, non se falará de Galiza”, recalcou.  

A cabeza de lista nacionalista avanzou unha campaña intensa para transmitirlles aos galegos e ás galegas que a do BNG é a “candidatura real”, a que “vai defender os seus problemas en Europa”, pero tamén a que defenderá “as causas xustas no Parlamento Europeo”.  

Neste sentido, Miranda referiuse ao avance da extrema dereita e, en alusión á visita do presidente arxentino, Javier Milei, emprazou ao PP a “non amparar a eses que están con estes discursos neofascistas pisando o Estado e atacando principios democráticos e liberdades, pobos, feminismo e moitas cousas, como dixemos alto e claro no Parlamento Europeo”, concluíu. Departamento de comunicación 





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias