REDACCIÓN | O portavoz de Marisqueo do Grupo Socialista, Julio Abalde, cualificou de incomprensible que o PP votara hoxe en contra da proposta que defendeu na Comisión de Pesca para pedirlle á Xunta que axudara aos mariscadores da Ría do Burgo mentres dura o proceso de recuperación da produción. Abalde pedíralle ao goberno galego que logo das obras de saneamento asuma as súas competencias e garanta a supervivencia das 100 familias que dependen da Ría.
Explicou que a Xunta ten que asumir a súa responsabilidade logo das obras de rexeneración da Ría, nas que o goberno central investiu 33 millóns de euros incluíndo 3,3 millóns de axudas aos mariscadores afectados polo parón na produción. Dixo que a Xunta “ten que liderar o proceso” porque, lembrou, a súa obriga é traballar “polos galegos e as galegas, non facerlle oposición ao goberno central” que vén de rematar a actuación de recuperación da ría.
Abalde advertiu que os mariscadores e as mariscadoras “non piden limosnas, piden que se lles permita traballar”, e agora precisan de apoio do goberno galego, que é quen ten a competencia, para poder subsistir durante os 18 a 24 meses que dura o proceso de engorde da semente de bivalvo na ría. Ademais lembrou que a Xunta debe de seguir un protocolo de seguimento da sementa, monitorizando a rexeneración dos bancos marisqueiros da ría.
O responsable socialista esixiulle ao PP e ao goberno galego que ademais de presumir de dispor da competencia do litoral, agora compre executala, xa que “o marisqueo é unha competencia exclusiva súa, na que o goberno central non ten competencia”. Departamento de comunicación