REDACCIÓN | O Partido Popular de Galicia presentou hoxe as liñas mestras da súa campaña para as eleccións europeas e fíxoo poñendo o foco na importancia das decisións que se toman no Parlamento Europeo para o dia a día dos galegos, a quen se dirixe directamente o seu lema: “Somos a túa resposta”.
“O noso obxectivo é responder ás dúbidas dos galegos e galegas, responder aos seus problemas e responder aos seus retos de futuro. Tamén responderemos a aqueles partidos, como o BNG, que elixiron compartir lista co independentismo e cos herdeiros de ETA; ou como o PSOE, cuxa prioridade é seguir socavando os principios básicos do Estado de Dereito”, explicou a secretaria xeral Paula Prado antes de reunirse co Comité de Campaña do partido.
Anunciou que o PPdeG dará inicio á súa campaña na noite de mañá coa tradicional pegada de carteis en Pontevedra e que, a partir de aí, tratará de estar “en cada recuncho” tanto con actos sectoriais como con mitins. Unha axenda na que o presidente Alfonso Rueda volverá estar presente nas catro provincias e nas sete cidades e na que os candidatos Francisco Millán Mon, Adrián Vázquez e Pablo Gómez Cedrón “terán cada un o seu propio percorrido polo territorio”.
A número dous dos populares galegos adiantou así mesmo a presenza na tradicional Romaría do Pino –que se celebrará o sábado 1 de xuño– do presidente nacional do Partido Popular, Alberto Núñez Feijóo; ao que agradeceu por adiantado a súa visita “fronte a outros presidentes que parece que non pisarán Galicia durante a campaña”.
Dous anos de éxitos con Rueda á fronte do partido
Os temas que segundo os populares “ocupan e preocupan” aos galegos –como a economía, o rural, a pesca, a seguridade e o Estado de Dereito– serán o que tratarán de abordar ao longo dos próximos quince días nos que o seu principal obxectivo será “poñer o colofón a un ciclo electoral de éxitos cun novo triunfo”.
Así se refería Paula Prado ao feito de que hoxe mesmo cúmprense dous anos desde que Alfonso Rueda asumira o liderado do PPdeG e que, desde entón, o partido obtivo tres grandes éxitos electorais en forma de maiorías nas eleccións municipais, xerais e autonómicas. Un tempo no que “a maquinaria do partido funcionou a pleno rendemento, nos 313 concellos, con ducias de actos dentro e fóra das campañas”.
“Non nos conformamos e queremos máis: o 9 de xuño temos un novo reto, as eleccións europeas, que afrontamos coa mesma ilusión e, sobre todo, coa mesma confianza nos galegos”, concluíu.
Unhas eleccións clave para España e para Galicia
Na reunión do Comité de Campaña tamén participaron os tres candidatos galegos Francisco Millán Mon, Adrián Vázquez e Pablo Gómez Cedrón, que incidiron na importancia destes comicios non só para Europa, senón tamén para España e especialmente para Galicia.
“A Galicia que votou masivamente ao PPdeG e de Alfonso Rueda o pasado 18 de febreiro ten que ir votar o próximo 9 de xuño e renovar o seu compromiso co partido que máis se parece a Galicia”, subliñou neste sentido Millán Mon.
Unha mensaxe na que tamén incidiu Adrián Vázquez ao asegurar que “votar pola política centrada, moderada, e responsable que encarna o Partido Popular é a mellor resposta a Pedro Sánchez e aos seus constantes ataques a Galicia”. Departamento de comunicación