REDACCIÓN | O Gran Fondo Ézaro regresa o domingo 7 de xullo co apoio da Deputación da Coruña. A proba deportiva, xa un referente tanto no ciclismo como fóra del, volverá a reunir nesta edición a algúns dos mellores ciclistas do mundo, xunto con centos de afeccionados á bicicleta que cada ano se suman a esta espectacular proba deportiva.
O evento foi presentado hoxe no Parador de Santiago de Compostela- Hostal dos Reis Católicos polo presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, o deputado de Deportes, Antonio Leira; o secretario xeral para o deporte, José Ramón Lete; alcaldes e representantes dos seis municipios polos que discorrerá a proba: Dumbría, Carnota, Muros, Outes, Mazaricos e Cee, e representantes de varias xeracións de campións do ciclismo galego como Álvaro Pino e Samuel Blanco.
Formoso destacou o compromiso da Deputación co deporte na provincia, apoiando eventos como este “que reúnen o mellor do ciclismo e dos valores que representa” e que “supón ademáis o mellor escaparate para mostrar ao mundo as paisaxes máis espectaculares da Costa da Morte” nunha proba deseñada para todos os públicos, pero que conta cunha das subidas máis difíciles e espectaculares no muro que vai ao mirador do Ézaro.
O secretario xeral para o Deporte, Jose Ramón Lete, destacou o carácter do Gran Fondo Ézaro para unir a auténticas lendas do deporte como Alejandro Valverde, Javi Gómez Noya ou Iván Raña con ciclistas anónimos, compartindo unha xornada diferentes.
O alcalde de Dumbría, Raúl González, pechou o acto definindo o Gran Fondo Ézaro como un “proxecto transversal, que pon á Costa da Morte o mapa e difunde a imaxe da comarca en todo o mundo”. O alcalde sinalou que as metas da Volta Ciclista a España no mirador do Ézaro e a proba do Gran Fondo contribuíron a que a zona “sexa coñecida e valorada en España e fóra de España” e que o ano pasado rexistrara máis de 200.000 visitantes.
O trazado
A edición deste 2024 contará cun único trazado de 107 quilómetros. Despois do cambio do 2023, apóstase por continuar coa versión única da ruta, apta para todos os estados de forma. Esta distancia será o suficientemente longa para desfrute dos participantes propios do Gran Fondo e, por outra banda, o suficientemente curta para que os deportistas habituais de Medio Fondo poidan afrontala sen excesiva dificultade.
A proba transcorrerá polos municipios de Dumbría, Carnota, Muros, Outes, Mazaricos e Cee. Precisamente no primeiro deles, en Dumbría, rematará no xa mítico final das ramplas de formigón do Mirador do Ézaro. Previamente haberá dous portos máis: a subida ao Alto de Arestiño (de primeira categoría) e ao Alto da Ruña (de terceira categoría).
O Gran Fondo Ézaro ou a ‘Subida ao Ézaro’, como se coñece popularmente, trátase dunha proba afianzada no calendario deportivo da provincia, que conta con entre 1.200 e 1.500 inscritos cada ano. A ela chegan corredores de países tan diversos como Alemaña, Canadá, Chipre, Dinamarca, Estados Unidos, Francia, Italia, Países Baixos, Suíza, Reino Unido ou Brasil.
Deste xeito, trátase dun evento que potencia non só o deporte, senón o turismo vencellado á práctica deportiva. Así, a celebración de probas como esta supón un importante pulo económico nos municipios que a acollen. E mais cando teñen como fortaleza o seu impacto visual pola contorna na que se celebra, que foi escenario de chegadas de etapa en La Vuelta a España ou o Gran Camiño. Departamento de comunicación