El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Cartas al Director
Nacional

GALICIA | POLÍTICA

O BNG urxe o Senado a rexeitar o proxecto de Altri após o "clamor social" manifestado en Palas de Rei

27-05-2024 12:52:33
Manifestación en Palas de Rei.

REDACCIÓN | Despois da manifestación multitudinaria en Palas de Rei en contra da instalación da fábrica de Altri, a senadora do BNG defenderá no pleno do Senado desta semana unha moción para que a cámara alta inste o Goberno a rexeitar a inclusión do proxecto no PERTE de descarbonización. Carme da Silva chama o resto de forzas políticas con representación no Senado a apoiar o clamor social en contra da macroplanta de celulosa líquida e demandará ao Goberno priorizar a preservación do medio natural, o mantemento da actividade agrogandeira e marisqueira, optando por proxectos que favorezan o desenvolvemento sustentábel do País. 

Onte producíase unha manifestación multitudinaria no concello de Palas de Rei en contra da macrocelulosa que Altri pretende instalar axudada de cartos públicos. A empresa lusa solicita o apoio do Goberno do Estado a través da percepción de 250 millóns de euros a cargo de axudas públicas e, no concreto, dos fondos do PERTE de descarbonización. A empresa quedou fóra das anteriores convocatorias mais continúa esperando a recibir fondos nesta cuarta convocatoria prevista para xuño. 

“Os criterios fixados no Mecanismo de Recuperación e Resiliencia sinalan que os proxectos para financiar deben contribuír a asentar economías máis sustentábeis e mellor preparadas para as transicións ecolóxica e dixital” sinala a senadora do BNG. Polo tanto, continúa da Silva, o Goberno “non pode nin debe destinar cartos públicos para financiar proxectos como este que afectan negativamente ao ambiente, á protección da biodiversidade e a un uso irresponsábel dos recursos hídricos”. 

Neste sentido, o BNG considera que é preciso que o Goberno priorice a preservación do medio natural, a adecuada xestión dos recursos hídricos e o mantemento da actividade agrogandeira e marisqueira da Galiza no momento en que se avalíe a concesión de fondos europeos, optando por proxectos que favorezan o desenvolvemento sustentábel do noso País no lugar de financiar a instalación dunha pasteira que, certamente, causará un tremendo impacto ambiental e que está a xerar o rexeitamento do conxunto da sociedade galega. 

“O Goberno debe revisar con rigor o proxecto da empresa Altri e ten que rexeitar a súa inclusión entre as propostas con financiamento a cargo das axudas do PERTE de descabonización, así como o acceso a calquera outra axuda directa ou crédito, polo seu enorme impacto ambiental, a súa afectación á actividade agrogandeira, aos recursos hídricos, ao ecosistema do río Ulla, á riqueza marisqueira e pesqueira da Ría de Arousa e a espazos da Rede Natura” reclamará a senadora nacionalista.  


Un “clamor social na Galiza” o rexeitamento á instalación de Altri 

O que onte aconteceu en Palas de Rei “foi a dignidade dun pobo loitando polo seu futuro” frente aos intereses das multinacionais, apoiadas polo Partido Popular. Un pobo unido, continúa Carme da Silva, para frear unha bomba ambiental que o PP quere colocar no corazón de Galiza, levándose por diante o medio de vida de milleiros de persoas tanto na terra como no mar. 

Despois desta grande mobilización, a senadora brinda unha nova oportunidade ao resto de forzas políticas a posicionarse sobre o proxecto. “As forzas políticas téñense que aclarar se están a favor de implantar o proxecto ou en contra, non vale a distancia. Xogámonos o futuro social, ambiental e económico do País” afirma Carme da Silva. 

“Incluso o Partido Popular está a tempo de cambiar de posición e, por primeira vez, antepor os intereses dos galegos e galegas por riba dos intereses de empresas alleas que só teñen como fin espoliar os nosos recursos e deixar a contaminación no noso País” subliña da Silva. Unha política, a do PP, que até o de agora actuou como firme defensor do proxecto, a pesar dos cambios substancias que se produciron desde a aprobación dunha iniciativa no Parlamento Galego. “O Partido Popular non pode seguir sendo cómplice deste novo desastre na Galiza, debe escoitar a sociedade que rexeita unanimemente a implantación desta macrocelulosa” sentenza a senadora do BNG. Departamento de comunicación





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias