REDACCIÓN | O secretario de Sanidade e Saúde do PSdeG, José Manuel Miñones, lamentou hoxe a “pasividade” que ten amosado a Xunta de Galicia na súa falla de planificación sanitaria. O responsable socialista criticou que Rueda “mire para outro lado” e “bote balóns fora” para intentar agochar a súa “incompetencia” por non ter deseñado un plan de choque diante dos problemas de cobertura de profesionais da sanidade pública.
Miñones apunta que “non debera sorprender a ninguén” os problemas de cobertura sanitaria no verán, pero “o sorprendente e que coñecendo esta situación, que se repite ano tras ano, a Xunta de Galicia non teña deseñado un plan de choque e se dedique a desviar a súa responsabilidade”. Advertiu que “o bo e o malo das competencias é que son para asumilas”, polo que considera que “non é de recibo que Rueda mire para outro lado”.
Logo das declaracións da Xunta trala reunión do Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde, Miñones alertou de que o goberno galego “quere poñer a venda diante da ferida e a falla de profesionais deste verán”. Considera que a falla de planificación do goberno galego deriva da súa “incompetencia por non ser quen de asumir a súa responsabilidade nin ter capacidade de xestionar unha situación máis que previsible”.
Lembra que Galicia deixou sen cubrir prazas de MIR de Familia nesta última convocatoria, ata o punto de que foi unha das comunidades autónomas con maior número de vacantes, o que provoca que sexa un dos territorios nos que menos MIR queiran vir a formarse e traballar.
Explica que “a única razón son os baixos salarios que cobran os MIR nesta Comunidade Autónoma, que segue á cola de España en remuneracións e a Xunta segue sen reaccionar”.Explica que “a realidade impúxose” hai apenas uns meses, cando despois de que o PP solicitara milleiros de prazas de médicos de Familia para que despois “quedaran centos de prazas baleiras”. O responsable socialista incide en que “o feito de que a Xunta siga insistindo no procedemento de selección de especialidades amosa unha nula intención de afrontar os problemas reais”.
Lamenta finalmente que o novo conselleiro descoñeza o impulso na homologación de títulos que se vén levando a cabo nestes últimos anos, que serviu para “corrixir a situación caótica que deixara precisamente o goberno do PP de Mariano Rajoy”. Departamento de comunicación