REDACCIÓN | A organización xuvenil do BNG presentou a súa campaña no marco do orgullo LGBT 2024, que leva por lema “Hoxe e sempre, desviades rebeldes!” e ten como obxectivo dar a coñecer referentes LGBT da Galiza.
Dándolle continuidade á campaña de 2023, dedicada a Susana do Páramo, Galiza Nova dedícalle este ano a campaña a Laura Bugallo, muller trans, activista, sindicalista e nacionalista. Dende a organización afirman que “Laura Bugallo é un exemplo de loita nacionalista dende a disidencia que leva loitando toda a vida polos dereitos das persoas LGBT galegas e migrantes. Son moitas as loitas que caracterizan a esta muller, por iso queremos dedicarlle esta campaña e reivindicar os dereitos LGBT a través da súa figura”.
A campaña desenvolverase ao longo de todo o país con diferentes charlas formativas para dar a coñecer referentes LGTB galegas, a historia do movemento LGBT na Galiza e as reivindicacións de Galiza Nova para conseguir unha igualdade sexo-afectiva real na sociedade. Así mesmo, a través das súas redes sociais, a organización xuvenil dará a coñecer a vida e traballo de Laura Bugallo, así como as diferentes mobilizacións que dende o movemento LGBT galego se convoquen con motivo do orgullo.
Laura Bugallo, militante de honra
A Dirección Nacional de Galiza Nova acordou por unanimidade designar á militante nacionalista Laura Bugallo como militante de honra da organización, “por ser un exemplo de activismo e de loita a prol dos dereitos LGBT, sempre vinculada ao nacionalismo, pois non entende a liberación nacional sen a liberación do colectivo e viceversa”, afirman dende a organización.
A entrega do seu carné como militante de honra será un dos actos centrais da campaña da organización xuvenil e darase a coñecer nos vindeiros días, xa que será un acto público e aberto a calquera moza que desexe participar. Departamento de comunicación