REDACCIÓN | Luis Menor, presidente ata agora da xestora do Partido Popular de Ourense, anunciou hoxe que optará á presidencia do PPdeOU no 19º Congreso provincial que se celebrará o próximo 13 de xullo no Pazo dos Deportes Paco Paz da capital. Unha candidatura, dixo Luis Menor, coa que pretende “liderar un inmenso equipo de persoas que nos axudarán a levar ao PP de Ourense a grandes trunfos e ser útiles á cidadanía”.
Na sede central dos populares ourensáns, Menor afirmou que chegou o momento de seguir dando “novos pasos, en firme, con decisión, pero sen perder nunca a humildade”, e pedir o apoio dos 695 compromisarios que representarán a toda a militancia do PP de Ourense no congreso de xullo.
Os compromisarios representan á militancia no conclave, sinalou o candidato, quen non obstante fixo un chamamento para que esta cita sexa “o congreso da xente, da nosa xente”, desexando así que o próximo 13 de xullo o Pazo dos Deportes Paco Paz “estea aberto a todos os militantes da provincia”.
Luis Menor asegurou que nas próximas semanas trasladará a todos os membros do Partido Popular de Ourense cal é “o meu proxecto político”, aínda que logo de sete meses de “duro traballo” e dous procesos electorais, aclarou “todos podedes imaxinar cal é esa proposta”.
Neste sentido fixo un rápido repaso polos sete meses nos que estivo á fronte da xestora, destacando os tres percorridos realizados por toda a provincia. O primeiro para a posta en marcha dun novo sistema de organización comarcal “que está a dar froitos moi interesantes, axudando a mobilizar o partido”.
O segundo con motivo das eleccións autonómicas, cunha constante presenza no territorio que permitiu conseguir o apoio de 1 de cada 2 ourensáns, “é dicir, o 50 % dos electores da provincia”. E a terceira volta á provincia no proceso electoral das europeas, cunha campaña en clave municipal “coa que nos convertemos na primeira provincia de España en apoio ao PP”.
O candidato advertiu que para ter máis garantías na consecución de próximos obxectivos, “temos que darlle ao Partido Popular de Ourense a necesaria e sólida estrutura orgánica que só pode lexitimar un congreso provincial”. Subliñou que o partido ten amplo marxe de mellora no ámbito local e tres anos por diante para darlle á cidadanía os mellores cabezas de lista e as mellores candidaturas cara as municipais.
Pero mentres, afirmou Luis Menor, hai outro obxectivo que é seguir traballando para que a maquinaria do Partido Popular na provincia estea perfectamente coordinada para responder, “coa máxima axilidade e en calquera momento”, ante a eventualidade dunha nova convocatoria electoral en España. Departamento de comunicación