REDACCIÓN | A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, vén de solicitar un encontro urxente co Comisario de Mercado Interior, Thierry Breton, co obxectivo de coñecer os pormenores do procedemento de infracción aberto en 2021 pola Comisión Europea contra o Estado español pola prórroga da xestión da AP9 que realizou o PP no 2001 e que supón a prórroga das peaxes até o 2048. “Nun caso tan grave como este, que supón unha discriminación inaceptable para os galegos e galegas, temos que coñecer todos os detalles da ampliación que a todas luces semella ilegal”, manifesta Miranda.
“Vemos como neste caso as liortas madrileñas prexudican a Galiza, xa que mentres a prórroga da concesión é un escándalo do goberno do PP, que o goberno estatal non aproveite este procedemento de infracción para rescatar a autoestrada é un escándalo do PSOE”, subliña Miranda, quen como eurodeputada entrante avanza que na vindeira lexislatura seguirá traballando por acadar unha AP-9 galega e libre de peaxes, tal e como xa fixo na lexislatura que remata como eurodeputada do BNG.
Tras o anuncio coñecido onte de que a Comisión concede dous meses ao goberno estatal para xustificar a prórroga da AP9, a eurodeputada galega dirixiuse ao Comisario de Mercado Interior xa considera “imprescindible coñecer os detalles da investigación aberta por Europa”. Nesta liña xa presentou diversas iniciativas para que a Comisión Europea faga pública a documentación relacionada con este procedemento de infracción. Así, a semana pasada presentou unha solicitude a través do portal de transparencia para ter acceso aos documentos do expediente INFR(2021)4052 por incumprimento da normativa europea na ampliación da concesión da AP9.
Discriminación provocada polo PP e admitida polo PSOE
Previamente, no mes de abril, Ana Miranda presentou unha pregunta dirixida á Comisión Europea sobre os requirimentos da CE a respecto do procedemento de infracción aberto ao Estado español no 2021 sobre a prórroga da concesión da AP9 e a posible incompatibilidade desta prórroga coas normas de contratación pública da UE. Nese escrito, aínda non respostado pola Comisión, a eurodeputada do Bloque demandaba que a CE fixera públicos os prazos exactos do procedemento de infracción e os requirimentos correspondentes.
“Estamos diante dunha clara discriminación provocada inicialmente polo PP e admitida e consentida polo PSOE”, denuncia Miranda, quen critica que os socialistas non reaccionaran cando a CE abriu o procedemento de infracción en 2021. “Tres anos despois temos que sufrir as incongruencias do ministro Puente”, sinalou, en referencia a que en tan só quince días eleva de 4.000 millóns de euros a 6.000 millóns de euros o custo do rescate, tal e como vén denunciando o BNG tanto no Congreso como no Parlamento Galego. Departamento de comunicación