REDACCIÓN | O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, anunciou hoxe en Carballo que o Grupo Socialista levará ao Parlamento galego a próxima semana unha iniciativa para reclamarlle á Xunta a gratuidade das autoestradas AG-55 (A Coruña-Carballo) e AG-57 (Puxeiros-Val Miñor).
O tamén portavoz socialista na Cámara autónoma recordou que en Galicia hai catro autoestradas nas que se pagan peaxes, dúas delas de titularidade estatal (AP-9 e AP-53) e outras dúas, as antes citadas, pertencentes á Administración autonómica. “Se pedimos a gratuidade para a AP-9 e para a AP-53, o lóxico é que tamén a pidamos para a AG-55 e a AG-57”, afirmou Besteiro, para quen non debe haber “galegos de primeira e galegos de segunda” entre os usuarios desas vías de alta capacidade dependendo de quen sexa o propietario.
Acompañado polos deputados Patricia Iglesias e Carlos López Font, José Ramón Gómez Besteiro remarcou tamén que os socialistas galegos se uniron á petición ao Goberno de que se eliminen as peaxes nas autoestradas estatais, polo que é “de sentido común”, ademais de “xusto”, dixo, demandar os mesmos beneficios para os usuarios dos tramos Puxeiros-Val Miñor e A Coruña-Carballo.
O Goberno socialista de España aprobou rebaixas nas peaxes cando o PP e o BNG votaban en contra. Eses descontos supoñen hoxe a gratuidade das viaxes de volta e incluso son superiores no caso de usuarios e usuarias recorrentes. Porén, as bonificacións nas dúas autoestradas dependentes da Xunta son só do 25 % nas viaxes de volta e non existen beneficios superiores agás en casos moi restrinxidos.
Unha traballadora ou un traballador que realice a diario, por exemplo, o traxecto entre Carballo e A Coruña paga máis de 600 euros ao ano por usar a AG-55, unha vía pola que circulan cada día máis de 13.000 vehículos, con algúns treitos nos que o tráfico se incrementa ata os 15.000. Departamento de comunicación