REDACCIÓN | O eurodeputado do PSdeG Nicolás González Casares asegurou hoxe que a transición verde é “o desafío do século”, polo que advertiu que, para Galicia, parala, “ou incluso retardala”, sería tamén “o erro do século”. Durante un almorzo con xornalistas en Santiago, tras recoller onte a súa acta no Congreso, incidiu en que a comunidade ten “un potencial altísimo” no eido enerxético e que “non pode deixar pasar o tren dunha revolución industrial á que nunca chegamos a tempo”.
González Casares explicou que hai moitas posibilidades de que volva ser membro da Comisión de Industria, Innovación e Enerxía, á que podería sumar a de Pesca, na que estaba actuando como substituto na pasada lexislatura. “É unha previsión, pero tamén traballerei en temas de saúde, como viña facendo, e no eido internacional, sobre todo nas relacións con Latinoamérica”, detallou.
A maiores, fixou como campos prioritarios para o seu labor os anteditos da enerxía e a pesca, pero tamén a recuperación medioambiental e os transportes. Sobre a transición enerxética, insistiu en que Europa, España e Galicia “deben pensar cales son os seus recursos”, xa que non dispoñen de combustibles fósiles que deben importar. En cambio, “temos outras posibilidades que debemos aproveitar, porque nos farán máis sustentables e teremos una enerxía máis barata, que permitirá fixar máis empresas no territorio”.
Nese camiño será necesario “adaptarse ás necesidades da xente, que ás veces non se ve recoñecida nesa transición, pero isto non se pode parar porque é a única estratexia de crecemento real que teñen Europa, España e Galicia”, dixo, e alertou do “negacionismo e o retardismo” que chega, “normalmente”, de forzas reaccionarias.
Sobre a pesca, González Casares lembrou que para Galicia “vai ser sempre unha prioridade”, e por ese motivo considera que debe volver ser “importante para Europa”, ao contrario do que ocorreu nos últimos anos. “Tiñamos a sensación de que a Comisión estaba contra a pesca, e cando reclamamos un comisario ou unha comisaria de Pesca, o que queremos é que se centre na realidade pesqueira, das comunidades que viven da pesca e queren seguir vivindo dela”, dixo. Dentro dunha nova política para o sector, mencionou a mellora das condicións dos mariñeiros, a defensa do produto pesqueiro e o fomento do seu consumo en Europa.
En canto ao medio ambiente, o eurodeputado galego vinculou a súa recuperación á transición enerxética. Defendeu a Lei de Restauración da Natureza aprobada en Bruxelas e lamentou que Galicia “segue a incumprir a Directiva de Hábitats”, xa que a Rede Natura ocupa un 13 % do territorio, cando xa debería estar no 20 %. “Somos a comunidade autónoma con menos rede natura e temos aberto un procedemento de infracción por non coidar o noso territorio, singularmente os nosos bosques”, lamentou.
Nicolás González Casares situou como un asunto clave dos vindeiros anos “avanzar no corredor atlántico”, tal como se fixou na pasada lexislatura, para que se cumpran os obxectivos.
Tamén no ámbito do transporte, recordou o procedemento de infracción que a Comisión abriu a España pola concesión da AP-9. “Imos estar atentos e vixilantes”, dixo sobre un proceso que calculou que pode ser longo, e comprometeuse a que os socialistas defenderán o cumprimento da legalidade. Departamento de comunicación