El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Más noticias

A CORUÑA

O sector cultural demanda do Concello actuacións urxentes para un cambio inmediato na xestión da cultura local

16-07-2024 17:28:38
O sector cultural.

REDACCIÓN | O sector cultural esixe do Concello de A Coruña unha política cultural clara consensuada co propio sector que produza cambios inmediatos e actuacións urxentes que modifiquen a situación actual. Nun manifesto feito público este mediodía nunha lectura por parte dos portavoces do ámbito sectorial nos soportais do Teatro Rosalía Castro, o tecido profesional e asociativo da cidade amosa a súa "grave preocupación e descontento" coa xestión do goberno local no eido cultural, que precisa de forma urxente adoptar medidas estruturais e económicas para contratar persoal especializado en xestión cultural e modificar así as dinámicas e procedementos actuais que supoñen unha “perda moi importante” no acceso á cultura da cidade.  

No texto, apoiado por 17 asociacións profesionais a nivel local, galego e estatal e que conta co diálogo activo e o apoio dos traballadores do ámbito cultural e da cidadanía, o sector denuncia unha “preocupante deriva cara á cultura dos grandes eventos” deixando de lado a cultura da proximidade, que á súa vez está a sufrir importantes recortes. 

Tras reunirse cos tres grupos políticos con representación no Pazo de María Pita, o sector reclamou ao Executivo local o pago das débedas en materia de cultura correspondentes a 2023 sen que iso repercutise negativamente en 2024. “O acordo alcanzado non cumpriu con estes parámetros, e unha vez aprobado o modificativo de crédito no pleno municipal, comezaron os recortes”, denuncian. O sector lembra que o pasado 11 de xuño solicitou unha reunión coa alcaldesa da cidade, Inés Rey, para explicarlle directamente a situación e buscar solucións por consenso, pero un mes despois aínda non obtivo resposta. 

Segundo explica o sector cultural, son numerosos os exemplos de “disfuncións e graves problemas” na xestión pública da cultura coruñesa. Tal como recorda, o Instituto Municipal Coruña Espectáculos (IMCE) atópase sen dirección e sen persoal suficiente para facer fronte á contratación. Ademais, a Consellería de Cultura e Turismo incorporou traballadores sen formación específica nin experiencia en xestión cultural. A rede de bibliotecas municipais, pola súa banda, leva anos sufrindo a dinámica da administración pública local en cuestións como a adquisición de fondos, a compra de materiais ou a falta de atención ao persoal. 


Atención aos espazos e melloras laborais 

O sector cultural reclama no seu manifesto que o Concello da Coruña preste unha maior atención aos teatros, auditorios e centros culturais da cidade, que carecen dunha xestión profesional e dunha política cultural clara. Os profesionais da cultura tamén denuncian as carencias en edificios públicos como o Palacio da Ópera ou a biblioteca do Fórum Metropolitano, entre outros, por falta de mantemento.  

Por outra banda, o sector demanda a mellora das condicións laborais, cargadas de traballo con pouca planificación, do persoal técnico, da dirección de salas, das billeteiras e do persoal de sala nos espazos escénicos da Coruña. Os profesionais tamén denuncian a falta de compromiso público na defensa dos dereitos da infancia e da mocidade, que deixa á cidadanía sen acceso á cultura de base tras a desaparición das festas infantís e o importante recorte orzamentario na programación de espectáculos familiares.


Que está a suceder coa Cultura na cidade da Coruña? 

Con este documento, o sector profesional e asociativo que traballa no día a día da cultura da nosa cidade, no que se inclúen Asociacións Profesionais a nivel local, galego e estatal, e tamén co diálogo activo e apoio de traballadores e traballadoras da cultura e cidadanía, quere amosar unha seria preocupación e un profundo descontento co Goberno Municipal da Coruña. 

Tras un traballo de xuntanzas cos tres grupos políticos con representación no Pazo de María Pita, compartimos un comunicado cos medios de comunicación e a cidadanía cunha serie de reivindicacións. A máis urxente era que se pagasen as débedas co sector de 2023 sen que iso repercutise en recortes no 2024. Sempre hai partidas no orzamento municipal que non se executan na súa totalidade e iso que solicitabamos era viable. O acordo acadado non cumpriu estes parámetros, e unha vez aprobado o modificativo de crédito no Pleno municipal comezaron os recortes. E isto ocorreu, sen estudo e planificación da medida, o mesmo día do pleno sen que rematase o mesmo. 

O 11 de xuño solicitouse unha xuntanza coa alcaldesa para expoñerlle directamente a situación e buscar solucións de forma consensuada. A día de hoxe, un mes despois, non obtivemos resposta. 

Cando un colectivo de asociacións tan relevantes no sector cultural como os asinantes deste documento nin sequera é escoitado, o problema evidencia a imposibilidade de diálogo e comunicación entre as dúas partes porque unha delas, a alcaldesa, desatende a solicitude de xuntanza do sector, a pesar de querer asumir desde sempre as competencias culturais e intentar ofrecer ante os medios a sua mellor intención promovendo a creación e constitución do Consello Municipal da Cultura e devolvéndolle nos últimos días o nome á concellería de Cultura, que na práctica continúa a ser un departamento de Fomento e Promoción da cidade e de Turismo. 

Urxe adoptar medidas, tanto estruturais como económicas para contratar persoal especializado na xestión cultural e mudar así as dinámicas e procedementos actuais que, en múltiples aspectos, están a xerar unha perda moi significativa para os coruñeses e coruñesas no acceso a cultura e a os seus dereitos como cidadáns. 

Existe unha preocupante deriva cara a cultura de grandes eventos, deixando de lado a cultura de proximidade, perdendo a fortaleza de A Coruña como cidade creadora e de vangardas, cidade referente a nivel estatal e internacional, que ten nos seus creadores e nas súas creadoras un gran valor. Isto fai que se vaian perdendo proxectos que acercan a cidadanía á cultura de base e ao tecido profesional. 

Os exemplos son moitos e moi variados. Invitamos á cidadanía a ver os orzamentos dos concertos en relación á programación do día a día da cidade. 

Un modelo baseado na falta dun proxecto cultural para a cidade, na improvisación constante na contratación cultural e na falta de profesionalidade na xestión de recursos públicos pola parte política. 

O IMCE, principal xerador da contratación da cultura da cidade, está sen Dirección e sen persoal suficiente para afrontar as contratacións. Ademais, a Concellería de Cultura e Turismo incorporou traballadores e traballadoras sen unha formación específica nin experiencia na xestión cultural. Lembrar que o IMCE é un instrumento válido que necesita actualizarse. Por iso non compartimos a proposta que fixo o Concelleiro na primeira reunión que tivemos con él, na que se propuña unha desaparición do mesmo.  

As Bibliotecas levan anos sufrindo as dinámicas da administración pública local, por exemplo, na adquisición de fondos e a compra de material para as mesmas. Son algúns exemplos concretos de disfuncións e problemas graves. Hai moitos máis. 


1.- Reivindicamos o seguinte: 

Atención aos Teatros, Auditorios e Centros culturais de referencia na cidade que non teñen, a día de hoxe, direccións de carácter profesional cunha política cultural clara. 

Nos últimos anos vemos con preocupación e impotencia, como se está desatendendo espazos culturais referentes da cidade: Forum Metropolitano, Centro Sociocultural Ágora, Teatro Colón e Bibliotecas Públicas así como Casas Museo, que están, a maioría, sen direccións nin proxecto cultural definido, ese que parece non ter tampouco o Concello. 

Tamén queremos denunciar as deficiencias nos edificios por falta de mantemento: O Pazo da Ópera, Biblioteca do Forum Metropolitano, Hall e escenario do Teatro Rosalía Castro e Ascensores do Teatro Colón, Escola municipal de música, o Centro Sociocultural Ágora, por poñer algúns exemplos, levan anos de problemas de humidades, goteiras e outros derivados da falta de mantemento, con peches parciais dos edificios que impiden dar servizo a cidadanía. 

Ademais, exiximos a mellora das condicións laborais, cargadas de traballo e pouca planificación, do persoal técnico, xefaturas de sala, billeteiras e persoal de sala dos espazos escénicos mencionados antes. Precísase unha mellora das condicións e da comunicación con estes espazos que pertencen á Concellería de Cultura e Turismo. 


2.- Debemos citar tamén a falta de compromiso na defensa dos dereitos da infancia e a xuventude que deixan á cidadanía sen acceso á cultura de base. Exemplos disto: 

.- Desaparición do Festival de Monicreques de Nadal. 

.- Recorte do 60% na programación Ruada das Xoubas 2024 (Programa de artes escénicas para familias). Este recorte fixo inviable a realización do programa. 

.- Recorte do 55% no orzamento do Festival Manicómicos 2024 (Programación de circo e teatro de rúa para todo o público)  

.- Recortes nas programacións para infancias Todopúblico e Bebescena, en perigo de desaparición por falta de coñecemento do funcionamento da Rede de Teatros e Auditorios por parte da Concellería de Cultura e Turismo. 

.- Falta de compromiso na programación de actividades escénicas para familias nas festas da cidade, con orzamentos moi reducidos. 

.- Desaparición ou redución dalgunhas actividades para escolares de Todopúblico. 

.- Falta de fórmulas eficientes de apoio cara a creadores e creadoras e proxectos artísticos de artes escénicas e musicais da cidade. 

.- Falta de planificación que pon en perigo programas como Ciclo Ilusiooónh! (Programación de circo de grande formato no Ágora, que se financiaba en grande parte a través da participación deste espazo no programa Circoaescena da Rede de Teatro, no que non participou na convocatoria de 2024), ou o Festival de danza Quincegotas. 

.- Falta de atención ao persoal das Bibliotecas Públicas. 

Falta de avances dende hai anos nun compromiso adquirido públicamente de recoñecemento das Salas de Concertos e de Teatro privadas con licenza de actividade e con traxectoria consolidada como Espazos de Interese Cultural e Turístico da cidade da Coruña. 

Falta de apoio económico aos espazos citados no apartado anterior como auténticos xeradores de actividade cultural de base na cidade. Son uns 900 espectáculos os que programan estes espazos anualmente, cunha programación coidada, de calidade e variada en canto aos públicos aos que se dirixen. 

O Festival Noroeste Estrella Galicia, referente como evento musical aberto á cidadanía en agosto, carece dunha dirección artística a curto e medio prazo. Cada ano é unha grande incógnita como achegar propostas e obter resposta sobre se interesan ou non. A tardía contratación encarece considerablemente as propostas finalmente elixidas. É urxente recuperar a inicial idea do festival para proporcionar apoio e visibilidade ás formacións artísticas locais e galegas, e evitar o excesivo peso das grandes axencias e empresas de xestión artística, que tenden a xerar monopolios e programacións recurrentes. 

As débedas das actuacións culturais do pasado ano aínda non están actualmente satisfeitas na sua totalidade, a pesar das decisións adoptadas no Concello tras as presións do sector. 

Aínda están no aire a maioría das programacións culturais deste ano 2024, salvo os casos dos proxectos de máis ampulosos orzamentos e que repercuten mínimamente no sector cultural local e galego. 

A falta de resposta á demanda do sector dun plan de residencias artísticas

Desaparición este ano das axudas a creadores e creadoras (180.000 euros de orzamento no 2023). 

A Escola Municipal de Música, sendo un dos centros que dependen do Consorcio para a promoción da Música, leva anos reclamando melloras nos seus medios e no seu mantemento, e nas posibilidades para poder ofertar mellores condicións para o alumnado e para o profesorado. 

Por todo isto, e máis temas pendentes do Concello de A Coruña co sector da cultura esiximos unha política cultural clara e pactada co sector que produza un cambio inmediato e accións urxentes que modifiquen a situación actual. Departamento de comunicación





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias