REDACCIÓN | A eurodeputada electa do BNG, Ana Miranda, deixou clara a oposición do BNG á reelección de Úrsula Von der Leyen como Presidenta da Comisión Europea, criticando a continuidade dunha candidata que “ten máis sombras que luces”, que sirve “aos intereses de grandes empresas e lobbies”, que “coquetea coa estrema dereita sen inmutarse” e que mantivo posicións contrarias aos intereses da Galiza.
Cortar o camiño a Altri será a primeira iniciativa do BNG
Ana Miranda levou á sesión plenaria a demanda de paralizar o proxecto da macrocelulosa de Altri en Palas de Rei, vestindo unha camisola reivindicativa, e anunciou que este tema será a primeira iniciativa que presentará na Cámara europea.
A "señora da guerra, dos grandes lobbies e contraria aos intereses da Galiza"
A eurodeputada do BNG criticou o perfil de Von der Leyen afirmando que “é a señora da guerra, aliñada coas posicións de Israel na súa execución dun xenocidio ilegal en Gaza e contra a unha poboación palestina indefensa. O seu entreguismo ao Estado sionista é vergoñoso”.
Censurou a súa defensa de políticas comunitarias que van en contra dos intereses da Galiza como a PAC e as vedas na pesca. “É a representante dos intereses económicos e comerciais das grandes empresas e lobbies, firme defensora das políticas de austeridade que prexudican ás maiorías sociais e que impiden o avance de políticas públicas destinadas a mellorar a calidade de vida dos galegos e das galegas, e de melloras na protección e no benestar social”.
A eurodeputada do BNG subliñou que a candidata a continuar presidindo a Comisión Europea ignora os sectores produtivos como o agro-gandeiro e a pesca de vital importancia para Galiza. Neste sentido, lembrou que “se posicionou en contra dos intereses galegos con decisións moi drásticas como a veda pesqueira en 87 caladoiros sen os informes científicos e socio-económicos pertinentes, unha decisión que está a mermar a actividade do noso sector pesqueiro”. Desvelou que desde o BNG solicitáramos un Comisario/a de Pesca que ela non propuxo, así como a modificación da PCP.
Acreditou nunha PAC que favorece á agricultura intensiva e non ás pequenas e medianas explotacións galegas, sinalou Miranda e cuxa xestión “foi un desastre”. En definitiva, concluíu Miranda, “hoxe decídese se Úrsula Von der Leyen vai seguir sendo a Presidenta da Comisión, mais non co noso voto, non co voto do BNG. Departamento de comunicación