El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Cartas al Director
Internacional

PARLAMENTO EUROPEO | PSdeG

González Casares: "Abrimos unha lexislatura crucial para o futuro de Galicia"

18-07-2024 16:57:01
Nicolás González Casares.

REDACCIÓN | O eurodeputado socialista galego, Nicolás González Casares, sinalou hoxe que a apertura da X lexislatura do Parlamento Europeo marca o inicio dunha “lexislatura crucial para o futuro de Galicia” e considerou que o foco posto na competitividade industrial europea debe permitir impulsar a reindustrialización verde de Galicia defendida polos socialistas galegos. 

Así o trasladou González Casares tras asistir á sesión plenaria na que a candidata á reelección como presidenta da Comisión Europea, Ursula Von der Leyen, presentou as súas orientacións políticas para a nova lexislatura europea, na que puxo o acento na necesidade de impulsar a competitividade e prosperidade europea sobre da base do desenvolvemento sustentable. 

Para González Casares, o foco na competitividade e sustentabilidade da industria europea e as propostas para impulsar un novo Pacto pola industria limpa ou unha nova Lei de aceleración da descarbonización industrial é unha “fiestra aberta” para que floreza a industria verde galega, que conta con “vantaxes competitivas incontestables” en sectores como as enerxías renovables, a automoción ou a metalurxia. 

O eurodeputado socialista considerou igualmente positivo o compromiso para consagrar na normativa comunitaria os novos obxectivos de descarbonización para 2040 no camiño para lograr a neutralidade climática en 2050 e, se ben valorou a defensa do marco desenvolvido na pasada lexislatura ao calor do Pacto Verde, advertiu da falta de ambición en materia de sustentabilidade. 

Polo que respecta ao sector primario, González Casares valorou a aposta por reforzar o diálogo cos profesionais do sector agrogandeiro e por defender o reforzo da súa posición para lograr prezos xustos para a produción alimentaria europea. Igualmente, aplaudiu o compromiso para que Europa volva contar cun comisario específico de Pesca, tal e como os socialistas galegos reclamaron e comprometeron na pasada campaña das eleccións europeas. “Recuperar esta carteira é de sentido común dado que unha política exclusiva da Unión Europea como é a política pesqueira común esixe un comisario dedicado a tempo completo a garantir a competitividade, sustentabilidade e futuro do sector”, indicou. 

Con todo, Casares reprochou que, máis alá deste compromiso, as liñas políticas esbozadas por Ursula Von der Leyen ante o Parlamento Europeo non ofrecen certezas, senón vaguedades, polo que remarcou que os socialistas galegos traballarán no Parlamento Europeo para que se recoñeza o papel que o sector pesqueiro e acuícola merece “dada a súa achega clave á seguridade alimentaria pero tamén en canto á xeración de progreso social e económico”. 

A este respecto, o eurodeputado galego citou entre as prioridades para a lexislatura neste campo unha revisión da Política Pesqueira Común que devolva o equilibrio ás súas tres dimensións -social, ambiental e económica-; a esixencia de que as decisións se baseen en análises de impacto socioeconómico serios para evitar decisións arbitrarias como o peche de áreas á pesca de fondo, ou a protección do sector marisqueiro en pé de igualdade co resto de sectores pesqueiros, pero tamén destinando recursos para estudar as causas detrás da perda de produtividade das nosas rías. Departamento de comunicación





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias