El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Nacional

GALICIA | POLÍTICA

Besteiro apela no 25 de xullo a unha Galicia "amplia e aberta"

25-07-2024 15:39:31
José Ramón Gómez Besteiro (e).

REDACCIÓN | No acto conmemorativo do 'Día de Galicia', celebrado como xa é tradición para o socialismo galego xunto ao busto de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao en Rianxo, o secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, invitou a ver Galicia “con optimismo e sen limitacións”. A cerimonia, “un acto sinxelo pero fondo no seu contido”, contou coa presenza de alcaldes, concelleiros e outros cargos socialistas, ademáis de representantes da sociedade civil e numerosos cidadáns comprometidos co futuro do país.  

Tras a ofrenda floral ao pé da estatua do intelectual galego, e dos descursos do secretario xeral da Agrupación Socialista de Rianxo, Óscar Rial, e da concelleira Tamara García, Besteiro comezou a súa intervención con palabras para as vítimas do naufraxio do pesqueiro Argos Georgia en augas das illas Malvinas e pediu que se gardase un minuto de silencio na súa memoria.  

Logo da homenaxe aos mariñeiros falecidos, o secretario xeral recordou a Castelao, “a quen Galicia tanto debe e quen mantivo acesa a luz dunha Galicia esperanzada incluso nos momentos máis escuros”. Animou tamén a que a súa figura “sirva de lembranza a todos os homes e as muilleres que foron Galicia canto estaban fóra de Galicia”.  

O líder socialista detívose na realidade da emigración, “que tivo que deixar lonxe a súa terra, pero nunca o seu país”, porque, asegurou, “Galicia é unha maneira de estar no mundo, e cun pouco máis de Galicia no mundo, o mundo sería un lugar algo mellor”.  

Sinalou que, “como pobo emigrante”, os galego coñecen “o drama” de abandonar a terra propia, “e por iso entendemos a emerxencia humanitaria dos que nestes días chegan aquí despois de escapar da fame, a guerra ou a miseria extrema”. Por iso criticou a “quen quere usar os dramas humanitarios como ferramenta de confrontación”.  

Besteiro apelou a unha Galicia “ampla, aberta e sensata”, afastada da “redución simple e vitimista que algúns esbozan permanentemente” para entender que o galeguismo, como “maior expresión de querer convivir á nosa maneira, non pode ser unicamente simbólico nin tampouco excluínte”.  

O secretario xeral do PSdeG explicou que entende Galicia como un lugar privilexiado e “unha oportunidade de ser sempre mellores”, como o demostra que a comunidade é referencia “en terreos diversos do progreso”. Citou, por exemplo, a implantación na Coruña da AESIA, a axencia que supervisará a intelixencia artificial; a posición de Galicia como “potencia pesqueira”, motivo polo que a Axencia Europea da Pesca se atopa en Vigo, e contar con marcas líderes na automoción, no téxtil ou no sector agrogandeiro. A todo iso uniu “un enorme potencial para converternos nun dos maiores produtores de enerxía limpa e sostible de Europa”, o pulo das industrias culturais galegas, unha gastronomía de vangarda ou o desenvolvemento do sector vitivinícola. “Galicia é unha historia de éxito. É imprescindible crer nisto”, sentenciou.  

Pola contra, sinalou o obstáculo que representa “un Goberno autonómico que utiliza a Galicia, pero non cre nela”, e que “vive mellor inventando rivalidades inexistentes que traballando por transformar os problemas e retos en oportunidades”.  

Nese senso, subliñou que “todo o que hoxe funciona podería funcionar aínda mellor”, porque mentres España lidera o crecemento económico en Europa, “Galicia non se aproveita e medra un 30 % menos” e padece a maior inflación do Estado. Ademais, “mentres os centros de saúde pechan, o conselleiro vai rindo polos medios de comunicación”; mentres moitas familias e xente nova teñen dificultades para acceder a unha vivenda, “Rueda vai de festa en festa sen parar”, e mentres moitas persoas non chegan a fin de mes, a Xunta “vailles subir o recibo do lixo por non querer ser medioambientalmente sostible”.  

José Ramón Gómez Besteiro explicou que, para os socialistas, o galeguismo “debe ser un camiño e non unha mera etiqueta”, pelexando por unha política forte “que xere un feito diferencial galego” e que proporcione influencia. “A utilidade do galeguismo non está en ver quen leva a bandeira máis grande, senón en pular por cuestións que nos fan a vida mellor”, indicou.  

Dixo lembrar “con orgullo e emoción” o momento no que defendeu no Congreso o uso do galego, como símbolo “dunha Galicia aberta ao mundo, que pretende ir máis alá e non quedar ensimismada en visións encorsetadas e pechadas”. Nesa liña, cualificou de “pobre e triste” concibir Galicia como un país “con muros”, no que se reparten “carnés para entrar”. “Galicia non é propiedade de niguén. Somos galegos e galegas, pero Galicia non é nosa”, defendeu.  

O secretario xeral do PSdeG concluíu a súa intervención animando a crer “na Galicia de éxito”, pero tamén no “inconformismo dos que saben que a nosa historia se escribiu dende a idea máis revolucionaria de todas: a sensatez”. 

“Sen deixarse levar segundo vaia o vento, os socialistas estamos e estaremos decididos a facer deste país un lugar máis próxpero, unha terra con todas as oportunidades e onde sexamos cada día un chisco máis equitativos, un lugar onde construír un futuro, un país que non se conforme, unha Galicia mellor”, finalizou. Departamento de comunicación  





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias