REDACCIÓN | O espazo efémero Creafogar abrirá as portas o próximo 20 de setembro, e durante 20 días poderase visitar a exposición dos produtos e servizos de arquitectura efémera e interiorismo de marcas, profesionais e artesáns galegos. Nesta primeira edición o evento terá lugar nunha vivenda do centro de Santiago con máis de 100 anos de historia no que as máis de 150 marcas participantes xa están a realizar as súas intervencións.
As promotoras desta iniciativa son as interioristas de DenaDinteriores e Spacio-B, Almudena Rodríguez e Beatriz Barril, adscritas a Artesanía de Galicia, un proxecto no que levan a traballar máis de dous anos para por en valor a fabricación e artesanía galega, así como a recuperación de oficios e a visibilización da muller no sector.
Este evento conta co apoio da Xunta de Galicia, o Concello de Santiago de Compostela e a USC – Woman Emprende, que estarán presentes dentro da programación que se realizará durante as xornadas expositivas.
Pola súa parte, dende a Dirección Xeral, Zeltia Lado da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración está a apoiar aos centros formativos adscritos para a fabricación e exposición de produtos; así como o IGAPE, que desenvolverá una misión comercial inversa con empresas nacionais de arquitectura e interiorismo; e as entidades Artesanía de Galicia, que dará apoio aos artesáns adscritos, mentres que Galicia Calidade, contará con unha despensa das marcas de alimentación do selo.
Creafogar promete ser un punto de encontro para todos aqueles interesados no deseño, a artesanía e a cultura galega, marcando un antes e un despois no panorama do interiorismo en Galicia.
As promotoras
Almudena Rodríguez da firma DenaDinteriores e Beatriz Barril da firma Spacio-B poñen en marcha a I Edición de Creafogar. Dúas interioristas acreditadas polo selo Artesanía de Galicia que, con máis de 20 anos de experiencia no sector, deseñarán “en clave galega” o interiorismo de toda a vivenda, ademais de coordinar ós diferentes creadores e gremios da construción participantes no evento. Departamento de comunicación