El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Cartas al Director
Nacional

GALICIA | POLÍTICA

Rego: "É o momento de declarar nula a concesión da AP-9"

03-09-2024 13:17:26
Néstor Rego, deputado do BNG.

REDACCIÓN | O Bloque Nacionalista Galego reclama, máis unha vez, ao Goberno do Estado que atenda a demanda unánime do conxunto da sociedade galega e declare nula a concesión da Autoestrada do Atlántico e poña fin ás abusivas portaxes. Unha “AP-9 pública, galega e libre de peaxes”, tal e como reza o lema do BNG, que está máis preto de se materializar “se o Goberno do Estado deixa de ser cómplice da empresa privada e renuncia a defender a legalidade da concesión diante do expediente aberto pola Comisión Europea sobre a nulidade da prórroga”. Así mesmo, e mentres non se logra ese obxectivo, Néstor Rego urxe a aplicar canto antes o incremento das bonificacións estabelecidas no Acordo de Investidura conseguido polo BNG, así como implantalas na AP-53.  

“Non é de recibo que os galegos e galegas continúen a pagar unha autoestrada xa amortizada, máis, cando a maioría das da súa xeración xa son libres de portaxes após 40 anos de concesión” denuncia o deputado do BNG no Congreso. Neste sentido, e ante a disposición da Comisión Europea de dialogar e negociar unha solución para evitar a xudicialización do caso, o BNG entende este momento como “unha oportunidade para que o Goberno do Estado e, no concreto, o Ministerio de Transportes procedan á rescisión do contrato coa actual concesionaria e pór fin a décadas de sobre-pagamento.  

A posición do deputado nacionalista ao respecto é clara e sinxela: “o BNG segue a reclamar, ao igual que o conxunto da sociedade galega, o remate da concesión para que esta sexa unha vía de xestión galega e pór fin ás abusivas peaxes desta infraestrutura”. O Goberno español, en opinión de Rego, debe reflexionar sobre as consecuencias de forzar o camiño da xudicialización deste proceso e o custo para as arcas do Estado. “O Goberno debe deixar de ser cómplice desta estafa legalizada dunha empresa privada que fai caixa a conta dos galegos e das galegas” subliña. 

“Non pode, o Goberno, seguir a defender a legalidade dunha decisión que considera inxusta. Mesmo cando a propia Unión Europea insiste en que a resolución de prorrogar a concesión se adoptou para valorizar a autoestrada de cara a súa privatización e que non cabe aplicar a excepción in house que defende o Goberno español” evidencia.  

Néstor Rego chama o executivo estatal a rectificar a súa postura e ter presente, por exemplo, o proceso xudicial que levou a anular en Italia a ampliación da concesión na autoestrada A-I2, Livorno-Civitavecchia, por non ter sacado a concurso as obras de prolongación da estrada que prorrogou a explotación da vía por parte dunha empresa durante 18 anos máis. “A sentenza do Tribunal de Xustiza Europeo foi clara neste caso: anulou a prórroga” recorda Rego.  

Entre tanto, demanda Rego, o Ministerio de Transportes debe cumprir co Acordo de Investidura conseguido polo BNG e “aplicar cato antes o incremento das bonificacións xa estabelecidas para as persoas usuarias da AP-9, así como implantar as novas na AP-53”.





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias