El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Cartas al Director
Nacional

GALICIA | POLÍTICA

Pontón propón a gratuidade dos libros e máis axudas ás familias ante un curso escolar que arranca cos "problemas de sempre"

09-09-2024 15:28:49
Reunión do BNG.

REDACCIÓN | A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, propuxo a gratuidade universal dos libros de texto e máis axudas ás familias galegas para afrontar un curso escolar que este ano arranca, asegurou, “cos mesmos problemas de sempre”, como a falta de persoal de apoio, as ratios abusivas nas aulas e deficiencias no transporte e nos comedores escolares. 

Tras unha reunión no Parlamento con máis de medio cento de representantes das asociacións de pais e nais e da comunidade educativa, Pontón denunciou especialmente a situación de “desesperación” que viven os pais e nais dos nenos con necesidades educativas especiais.  “Non pode ser que todos os anos haxa pais e nais que teñen que estar pelexando para que os seus fillos e fillas teñan persoal de apoio que necesitan”, asegurou tras escoitar como a algún dos que hoxe asistiron á reunión se lles “quebraba” a voz expoñendo a situación que viven, ante a cal a Xunta do PP é “totalmente insensible”.    

Fronte aos problemas de sempre, lamentou, o Goberno de Rueda limítase a multiplicar a propaganda, “cando o que debería facer é aumentar o investimento na educación pública”, dixo. Denunciou, neste sentido, que Galiza está á cola en gasto en educación, por debaixo da media estatal e da maioría das comunidades autónomas. 

Segundo os datos oficiais, entre o 2009 e o 2022 o gasto en educación no conxunto do Estado incrementouse un 19,4 %, mentres que no País creceu tan só un 9,9%. “Se medimos o gasto educativo por habitante, o investimento medrou en 144 euros na media do Estado e en Galiza só en 115 euros”, expuxo. 

É por iso que o BNG reclama, entre outras medidas, un sistema de axudas para todas as familias, a aplicar xa este mesmo curso co abono directo dos gastos en libros de texto. Un curso, destacou Pontón, no que o sistema “obsoleto, ineficaz e totalmente insuficiente” do Goberno de Rueda deixa o 30 % das familias sen ningún tipo de axuda para pagar libros ou material escolar, malia que en Galiza a inflación sobe sistematicamente por riba da media estatal e os salarios e as pensións son máis baixos. 

A líder nacionalista emprazou así ao PP a implantar xa a gratuidade universal dos libros. “Supoño que despois de anunciar a gratuidade de todas as matrículas universitarias, con independencia de se quen se matricula é o fillo dun traballador ou dun millonario, o PP deixará de utilizar esta escusa e asumirá a gratuidade universal que reclama o BNG”, declarou. 

A portavoz nacional denunciou, por outra banda, o incumprimento das ratios oficiais e que aínda hai familias á espera de que se lles asigne praza no ensino público. Sobre esta cuestión, denunciou que non se aplica a redución da ratio en aulas que agrupan alumnado de diferentes niveis e tampouco se aplica o desdobre das aulas cando polo cómputo de alumnado con algún tipo de discapacidade se supere a media de 25 alumnos e alumnas por clase. 

Entre as medidas que propón o BNG ante este inicio de curso está tamén o incremento de persoal de apoio para os nenos e nenas que requiren atención específica por algún tipo de discapacidade ou diversidade e que, salientou Pontón, teñen que ter garantidos os mesmos dereitos á educación pública. 

Tras criticar que o Goberno de Rueda manteña un novo curso o recorte de unidades educativas no ensino público mentres aumenta fondos na privada, denunciou as deficiencias no servizos complementarios, que se repiten ano tras ano. Referiuse, neste sentido, ao alumnado que non ten praza no transporte escolar, ou a un deseño de rutas que condiciona horarios lectivos porque hai buses que teñen que dar servizo a varios centros. Denunciou, así mesmo, a falta de transporte para alumnado de bacharelato menor de idade. 

A líder do BNG demandou melloras ademais nos comedores escolares porque, argumentou, “o goberno do PP segue ignorando a reclamación de que sexa a Consellería de Educación a que asuma os comedores xestionados polas AMPAS e polos concellos”. 

“Fronte a estes problemas o que fai o Goberno de Rueda é multiplicar a propaganda, cando o que debería aumentar é o investimento na educación pública”, resumiu Pontón, que concluíu lembrando que “o mellor retorno que vamos ter como sociedade é o de cada euro que se destine á educación pública”.





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias