REDACCIÓN | A Deputación da Coruña foi beneficiaria dunha subvención de 1.172.860 euros procedente do Fondo Social Europeo Plus (FSE+) para a implementación dun ambicioso programa de formación destinado a mellorar a empregabilidade na provincia.
Desta forma amplíase e refórzase o PEL da Deputación da Coruña cun programa de acompañamento para o emprego destinado a 18 municipios da provincia que terá un custo total de 1.954.659,84 de euros. PEL ACTIVA, que así se chama o programa, prevé capacitar a 228 persoas, das cales o 75% serán mulleres, a través de 7 itinerarios formativos:
1.- Atención sociosanitaria a persoas no domicilio
2.- Atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais.
3.- Montaxe e mantemento de instalacións solares fotovoltaicas
4.- Actividades de xestión administrativa
5.- Guía por itinerarios de baixa e media montaña
6.- Agricultura de precisión
7.- Montaxe e postproducción de audiovisuais
O programa, que se enmarca dentro das políticas activas de emprego da Deputación da Coruña, deseñouse para ofrecer formación especializada en sectores con alta demanda de emprego, centrándose gran parte do proxecto á inserción laboral vinculada aos coidados por ser este un sector crítico, especialmente no medio rural e particularmente nos municipios de reto demográfico.
A oferta formativa diríxese preferentemente a colectivos con maiores dificultades para acceder ao mercado laboral, persoas desempregadas de longa duración, maiores de 45 anos, persoas con discapacidade e nacionais de terceiros países ou de orixe estranxeira.
Cada un destes cursos foi seleccionado en función da crecente demanda de persoal cualificado nestes sectores, o que permitirá aos participantes aumentar significativamente as súas posibilidades de acceso ao mercado laboral.
O programa ten como obxectivo non só a mellora das competencias laborais dos participantes, senón tamén contribuír á dinamización do emprego na provincia da Coruña. A subvención permitirá cubrir o 60% dos custos asociados á impartición dos cursos, garantindo que a formación sexa accesible e de calidade.
O presidente da Deputación da Coruña destacou que este tipo de iniciativas “son fundamentais para impulsar a creación de emprego no ámbito rural e avanzar na igualdade de oportunidades, especialmente no acceso das mulleres ao mercado laboral ”.
O programa responde o compromiso da Deputación da Coruña coa promoción da igualdade de xénero no ámbito laboral. O feito de que o 75% das prazas estean reservadas para mulleres pretende reducir a fenda de xénero en sectores estratéxicos e de alta demanda.
Ademais, espérase que esta iniciativa favoreza a inserción laboral dos colectivos máis vulnerables, contribuíndo a unha recuperación económica máis inclusiva e sostible, contribúíndo á cohesion social.
Os cursos impartiranse en diferentes localidades da provincia, principalmente municipios do ámbito rural e de reto demográfico, co fin de facilitar o acceso a esta formación especializada.