El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Nacional

GALICIA | POLÍTICA

Pontón salienta en México a débeda pendente de recoñecemento aos galegos exiliados polo franquismo

30-09-2024 13:48:03
Ana Pontón (3e).

REDACCIÓN | A portavoz nacional, Ana Pontón, e a eurodeputada, Ana Miranda, desenvolveron na primeira xornada da súa viaxe a México unha intensa axenda de contactos coa comunidade galega no país azteca, xornada que Pontón cualificou de “emocionante” polo “coñecemento e reencontro” con familias que representan unha parte fundamental da historia de Galiza.  

“Esa historia que significou o exilio de tantas persoas polo golpe militar do franquismo e o que supuxo para as súas familias”, salientou a portavoz nacional, quen tamén constatou de primeira man “o forte vínculo co País” que conservan mesmo segundas e terceiras xeracións de galegos e galegas que, salientou, “seguen mantendo esa identidade, esa raíz coa nosa cultura”. 

Ao mesmo tempo, a líder nacionalista tamén comprobou “como hai unha débeda pendente de recoñecemento” a toda esa xeración que tivo que marchar de Galiza “polas súas ideas”, explicou ao termo dos diferentes encontros que mantivo con galegas e galegos residentes en México, entre os que se atopaban Luciano e Elvira Concheiro -que ocupan cargos de responsabilidade no actual goberno do país-; María Ángeles Comesaña -poetisa e experta cultural e filla de Chonchiña e Paco, os protagonistas da recoñecida obra de Manolo Rivas O lápis do carpinteiro-; Manuel Rodríguez Viqueira -profesor de arquitectura na Universidade Autónoma de México, neto de Xoán Vicente Viqueira e fillo de Luísa Viqueira-; ou a familia de Elixio Rodríguez, membro das Mocidades Galeguistas e referente do nacionalismo galego. 

“Sería necesario que fixeramos un maior recoñecemento e homenaxe”, destacou Pontón, quen avogou por recuperar esta parte da nosa historia dado que é “unha forma non só de homenaxear a quen deu a súa vida por defender a democracia”, senón tamén un xeito de contribuír “precisamente a que nunca máis volvamos a ter unha relación así”.   

De igual xeito, a portavoz nacional destacou o interese de moitas destas persoas por investir en Galiza, polo que avogou por seguir fortalecendo non só o recoñecemento á emigración galega, senón tamén as relacións con ela, xa que representa unha “oportunidade de investimento” no País e supón un retorno que pode xerar “máis progreso”. 

Estes encontros enmárcanse na axenda que Pontón e Miranda están a desenvolver en México para estreitar lazos cos galegos e galegas na diáspora e que inclúe distintas reunións coa colectividade galega, con empresarios e con distintos colectivos do ámbito político e social. No marco desta viaxe, tamén asistirán ao acto de investidura da nova presidenta, Claudia Sheinbaum, en resposta ao convite da formación política Morena e tal e como antes asistiron en representación do BNG ás tomas de posesión dos actuais presidentes de Chile e Colombia, que igualmente serviron á formación e á líder nacionalista para manter encontros coa comunidade galega en ámbolos dous países.





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias