REDACCIÓN | O eurodeputado socialista galego, Nicolás González Casares, condenou hoxe os “tics autoritarios” e a “actitude antidemocrática” do Partido Popular, que se aliou coas forzas de extrema dereita para vetar que o Comité de Peticións do Parlamento Europeo puidera abordar hoxe o debate sobre o proxecto de Altri.
González Casares lamentou que o PP forzara o pasado luns unha votación no Comité de Peticións para desbaratar o acordo acadado polos coordinadores dos grupos políticos para facer posible que a petición da Plataforma Ulloa Viva fora tratada por trámite de urxencia e poder comparecer así esta tarde ante o Parlamento Europeo.
Para o eurodeputado socialista, vetar a comparecencia de cidadáns galegos preocupados polos impactos que o proxecto que impulsa Altri en Palas de Rei “proba unha vez máis que a Xunta e o PP están vendidos e antepoñen os intereses empresariais ás lexítimas preocupacións da cidadanía”. “Antes que escoitar á empresa, o que hai que facer é escoitar aos cidadáns e atender as súas lexítimas preocupacións aportando información, con transparencia, non con vetos antidemocráticos que recordan o peor de tempos pasados”, sinalou.
González Casares reiterou o apoio do Grupo Socialista a que esta comparecencia se produza “canto antes”, incidiu en que o PSdeG seguirá “vixiante” ante a tramitación do mesmo e conminou á Xunta do PP a aclarar o impacto ambiental da macrocelulosa dado que, ata o de agora, a Xunta actuou con “nouturnidade e alevosía” ocultando información á cidadanía sobre o proxecto, tanto a súa dimensión como o seu impacto.