REDACCIÓN | A Central Agropecuaria de Galicia ABANCA celebrou hoxe, como cada martes, as súas poxas de gando vacún de becerros de recría, becerros carniceiros e vacún maior. Foi nesta última categoría na que este mercado superou unha vez máis o seu récord absoluto en canto ao prezo pagado por un exemplar.
Se ata hoxe o máximo estaba nos 10.469€ pagados por un boi de raza mestiza o 1 de marzo de 2022, esta mañá situouse nos 10.498€. O animal, que foi adquirido por Frigoríficos Bandeira, é un boi de raza mestiza con etiqueta Vaca e Boi de Galicia nacido en agosto de 2019 e pertencente a unha explotación de Arzúa (A Coruña).