El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Cartas al Director
Internacional

BNG | EURODEPUTADA

Ana Miranda trasládalle ao novo Comisario de Pesca as reivindicacións do sector pesqueiro galego

08-10-2024 18:54:30
Ana Miranda, e Costas Kadis.

REDACCIÓN | A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, mantivo un encontro co futuro Comisario de Pesca e Océanos, Costas Kadis, a quen lle trasladou as preocupacións e reivindicacións do sector pesqueiro e marisqueiro galego, xa que “están nunha situación moi difícil”, apuntou, “a consecuencia tanto do goberno da Xunta como do goberno do Estado”.  

“Non é normal que a estas alturas Galiza non sexa considerada zona altamente dependente da pesca e por iso trasladeille ao Comisario que será unha das reivindicacións do BNG como voz galega en Europa”, subliñou Ana Miranda, quen considerou a necesidade desta consideración por parte de Bruxelas para o reparto de fondos.  

No encontro, celebrado a petición do propio Comisario, a eurodeputada galega tamén lle trasladou o “inxusto reparto das cotas e TACs de pesca”, que ao seu xuízo deixa á pesca galega en peor situación, precisamente “porque negocia mal por nós o Estado e a Comisión usa criterios só baseados na sustentabilidade medio ambiental, pero sen ter en conta a social e a económica”. 


Renovación do FEMPA 

A renovación e a modernización da frota, que permitan a remuda xeracional do sector foron outros dos temas da reunión, así como a situación situación das mariscadoras e mariscadores, que non están a cobrar as axudas e non contan con recursos. Esta situación “esixe unha revisión urxente do Fondo Europeo Marítimo de Pesca e Acuicultura”, salientou Ana Miranda, quen tamén mencionou a necesidade de incrementar os fondos específicos para a rexeneración integral das rías galegas, “xa que non hai pesca sen augas limpas”, explicou. 

A eurodeputada galega trasladoulle así mesmo o malestar co Comisario anterior, especialmente “polas medidas tomadas contra a nosa pesca”, como a decisión da veda das 87 zonas da pesca de fondo, que afecta a moitos portos galegos, dende Celeiro a Ribeira. “Galiza ten que seguir pescando e nós como voz galega en Europa imos defender na Comisión de Pesca do Parlamento Europeo un diálogo para que Galiza teña moita máis forza e peso e un reparto de cotas xustas”, concluíu Ana Miranda. 





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias