REDACCIÓN | A área de Cultura de Deputación suma unha nova proposta á súa programación propia, o ciclo Músicas Posíbeis, que levará ao Teatro Colón, nos vindeiros meses de novembro e decembro, catro espectáculos que se moven á marxe dos grandes circuítos comerciais e que citarán no teatro coruñés a destacados nomes da música e as letras de Galicia e do Estado. Presentouno hoxe no escenario do Colón a deputada de Cultura, Natividade González, nunha rolda de prensa na que estivo acompañada polos músicos Pablo Novoa e Xacobe Martínez Antelo; pola responsable de Educación e Acción Cultural Museo do Pobo Galego, Ana Estévez, e polo xornalista Marcos Gendre.
Na súa primeira edición, Músicas Posíbeis ofrecerá dous concertos —o de Sumrrá máis Niño de Elche e o de Chicharrón— e dous espectáculos onde a música dialogará con outras disciplinas: Paréntese (música e literatura) e 586 cantos (música e audiovisual).
A titular de Cultura agradeceu a presencia de Novoa (en representación de Paréntese), Martínez Antelo (Sumrrá), Estévez (586 cantos) e Gendre (Chicharrón) e presentou as propostas do ciclo. “Este”, dixo, “é un proxecto moi especial para o noso departamento, que agardamos que recibades todos con moito agarimo, porque ten a máxima calidade, con catro propostas moi singulares, e que se moven todas elas ás marxes dos circuítos de música comercial”. “Son propostas”, engadiu, “podemos dicir, 'delicatessen', diferentes entre si, con linguaxes e estilos diversos, pero que teñen en común esa idea da calidade musical por bandeira, ademais dun grande interese cultural, por riba de calquera outro criterio”.
Novoa, Martínez Antelo, Estévez e Gendre explicaron polo miúdo as propostas que representaron hoxe no Teatro Colón e agradeceron o esforzo de Cultura da Deputación na organización do ciclo. “Propostas que son tan interesantes e tan distintas, pero que non habitan, ningunha delas, os circuítos masivos, e que agora temos a ocasión de presentar nun teatro e nun ciclo coma este e en tan boa compañía”, destacou Martínez Antelo.
Gendre salientou a importancia de Músicas Posíbeis “no contexto da cultura festivalera na que vivimos, pois permite a difusión de músicas que, por ser máis arriscadas, se consideran minoritarias”. “Hai que subliñar a relevancia”, engadiu, “de que existan ciclos que valoran a heterodoxia musical e que, coma este, ofrezan catro propostas distintas pero complementarias, que lle poden gustar a todo o mundo pois teñen a súa propia linguaxe e unha cousa en común: o risco de expresarse á hora de ofrecer algo orixinal”. “No caso de Chicharrón”, rematou, “a Deputación verdadeira puntería, pois o convite chega no décimo aniversario da banda, que preparou un concerto especial para o Colón, no farán un percorrido da súa traxectoria, do presente a o pasado, que reunirá no escenario a case todos os músicos que pasaron polo grupo”.
Os espectáculos
1.- Paréntese (2 de novembro). É un espectáculo producido especificamente para o Teatro Colón, que só se vai poder ver neste ciclo. Baixo a dirección artística e creativa do músico Pablo Novoa e o escritor Diego Giráldez, e conducidos no escenario pola xornalista Susana Pedreira, as escritoras e escritores Berta Dávila, Silvia Penas, Samuel Merino, Lucía Aldao, Carlos Meixide, Samuel Solleiro e a cantante Wöyza sorprenderán ao público saíndo das súas disciplinas para cantar, interpretar, recitar e conversar entre si e sobre o feito creativo.
2.- Sumrrá + Niño de Elche (9 de novembro). Unha proposta que conecta a creación libre e sempre interesante e diferente do murciano Niño de Elche coa formación galega de referencia no jazz contemporáneo, Sumrrá (Xacobe Martinez Antelo, contrabaixo; Manuel Gutiérrez, piano, e Lar Legido, batería e obxectos sonoros). O público poderá gozar dun diálogo que explora novas posibilidades artísticas. Un auténtico luxo de concerto.
3.- 586 cantos (16 de novembro). Unha proposta singular, de máximo interese, que bebe da música tradicional e da tradición oral galega, e que foi impulsada polo Museo do Pobo Galego. Unha marabilla de espectáculo que se constrúe a partir do traballo de recollida que fixo no seu día Dorothé Schubert, nos anos 70. Aposta en escena combina a montaxe audiovisual realizada por Laura Piñeiro e Fran Rodríguez Casal, coa música en directo de Richi Casás, Fran Barcia, Tania Caamaño e Antía Ameixeiras.
4.- Chicharrón (14 de decembro). Ao Teatro Colón chegará o rock, ou o pop máis persoal e poético da música galega. Chicharrón é sinónimo de exquisitez en cada disco, de letras coidadas e relevantes, de máxima calidade a nivel de todo o Estado, desde Carballo, na nosa provincia. Son unha referencia absoluta e levan dez anos de vida como grupo, que celebrará cun concerto no que presentarán Vitoria, o seu próximo disco, e que vai ser tamén unha homenaxe ao deseñador e pintor Alberto Gende, membro fundador da banda, falecido en 2012.