REDACCIÓN | O vicepresidente e deputado de turismo, Xosé Regueira, viaxou ata Matosinhos para participar no evento Out of the Blue que, baixo o lema “A resposta está no océano”, acolle diferentes actividades para poñer en valor a gastronomía e a sustentabilidade dos océanos.
Regueira destacou durante os actos oficiais as sinerxías que existen entre ambos territorios. “Son moitas as pontes que nos unen: o Atlántico; unha gastronomía de moita calidade; unha estratexia turística que pon o foco na sustentabilidade e que aposta pola gastronomía como elemento clave de promoción do territorio...”. Por iso, agradeceu “a oportunidade de poder representar a provincia e o país neste espazo tan relevante”. “Un espazo no que, ademais”, engadiu, “abordamos temas tan cruciais como a sustentabilidade, a responsabilidade co territorio e os retos de futuro”.
Neste sentido, o vicepresidente sinalou que “o futuro da nosa gastronomía está necesariamente na despensa mariña, polo que é fundamental poñer en valor o noso patrimonio alimentario submarino, que é o que faremos neste Out of the Blue”.
Ademais, durante o primeiro dos “xantares” nun dos restaurantes máis emblemáticos da cidade, asinou un “memorando de entendimento” entre a Cámara de Matosinhos e a Deputación da Coruña, para dar comezo oficial “a unha relación que se manterá no futuro e que servirá para coñecernos e recoñecernos mellor, e para fortalecer ambos destinos”.
A provincia da Coruña está presente durante todos os días de evento con diferentes actividades relacionadas coa gastronomía da despensa mariña. Showcookings a catro mans de Lucía Freitas (A Tafona) e Iván Domínguez (NaDo) con Rui Paula Casa, dúas Estrelas Michelin e chef de Chá da Boa Nova e o tamén chef Michelin Arnaldo Azevedo, do restaurante Bistrô by Vila Foz, respectivamente, e conversas sobre o papel das mulleres nos sistemas alimentarios con Lucía Freitas, e sobre o papel das algas no ecosistema mariño e na gastronomía con Sergio Baamonde, de Algas Mar de Ardora.