REDACCIÓN | A portavoz nacional, Ana Pontón, evidenciou en rolda de prensa o engano sistemático nos orzamentos dun Goberno do PP que utiliza como práctica habitual o anuncio de cifras multimillonarias que logo nunca son materializadas, convertendo así as contas xerais en “papel mollado” ou nunha “falsificación da realidade para enganar á cidadanía”.
Así o constatan os datos derivados da análise realizada polo BNG dos orzamentos liquidados entre 2019 e 2023 e que confirman que o Executivo do PP deixou sen investir nestes cinco últimos anos un total de 3.597 millóns de euros, a razón de 719 millóns cada ano.
En concreto, en 2019 deixou sen investir 490 millóns (o 28,8% do orzamentado); en 2020, 310 millóns (o 18,6% do previsto); en 2021, 1.024 millóns (o 36,7% do anunciado); en 2022, 1.112 millóns (o 43,5%) e en 2023, último exercicio liquidado, 661 millóns (o 23,7% do que prevía nos orzamentos).
“En total, 3.597 millóns de euros anunciados como investimento que se quedaron en fume e en propaganda, que só estaban no papel”, denunciou Pontón, quen puxo así de manifesto como “o Partido Popular anuncia centos de millóns cada ano que son pura propaganda e que nunca chegan a materializarse”.
A líder nacionalista advertiu que só 20 de cada 100 euros do orzamento son destinados para investimento e, aínda así, o Goberno do PP “é incapaz de executalo” evidenciando unha “xestión nefasta” que impacta directa e negativamente na economía, nos sectores produtivos, no funcionamento das empresas, nas infraestruturas e, por suposto, no conxunto da cidadanía.
“Cando o Partido Popular anuncia que vai investir en rehabilitar vivenda pero deixa sen gastar 195 millóns de euros, o que está a facer é unha fraude para lograr un titular na TVG que non lle vale de nada aos galegos e galegas que buscan desesperadamente vivenda e que non atopan unha solución e unha alternativa desde o ámbito público”, exemplificou.
A portavoz nacional puxo dous exemplos máis que certifican a práctica do engano orzamentario do PP, como os 226 millóns que deixou sen investir en materia de modernización do tecido produtivo ou os 211 millóns que “deixou no caixón” no ámbito da innovación, constatando unha vez máis como “o Partido Popular actúa de maneira propagandística”, sen que os recursos cheguen nin ás pequenas e medianas empresas ou a sectores como a pesca, o agro e a industria, no primeiro caso, nin actúa realmente para que o ecosistema científico acade un maior desenvolvemento, no segundo.
Ao longo do período analizado, Pontón tamén puxo o foco sobre programas importantes cunha execución moi reducida, como os destinados á promoción do solo para actividades económicas, ao desenvolvemento sostible de zonas de pesca, á modernización do tecido produtivo no rural ou á construción de estradas, entre moitos outros. “Son programas que teñen un nivel de execución moi baixo”, recalcou.
A análise orzamentaria do BNG tamén destapa outro “engano sistemático” do Executivo, o relativo á débeda pública, neste caso, apuntou, “para agocharlle á cidadanía cal é o coste real da débeda que hai que lembrar que o Partido Popular triplicou até situala nos 14.000 millóns de euros, pese a levar os últimos anos recortando en servizos básicos como a sanidade ou a educación”.
Así, só entre 2019 e 2023, o PP agochou un sobrecusto de 3.469 millóns no pago da débeda, 692,8 millóns cada ano “do que recollían os orzamentos remitidos ao Parlamento e presentados polo señor Rueda”, recordou Pontón, quen salientou “o engano á inversa” neste capítulo orzamentario. “Aquí as partidas execútanse ao 100%, porque o Partido Popular non cumpre cos galegos e coas galegas, pero cumpren ao pé da letra cos bancos pagando intereses e o principal da débeda”, remarcou.
Ante a evidencia dos datos, a líder nacionalista advertiu dos “orzamentos trucados” que o Executivo do PP presenta á cidadanía “ano tras ano”. “Un engano sistemático que nos mostra un goberno que intenta tapar a súa falta de proxecto para Galiza con propaganda e mentiras”, denunciou, para advertir a continuación sobre a similitude entre as cifras do déficit de investimento (3.597 millóns) e o sobrecusto do pago da débeda (3.469 millóns). “Case parece que o Partido Popular, cunha man quita aos galegos e ás galegas e, con outra, dállo á banca”, afirmou.
“Os datos evidencian que ese debate que estamos tendo neste momento sobre as contas públicas é un debate trucado e que o relevante é analizar como se executan os orzamentos que chegan ao Parlamento”, concluíu.