REDACCIÓN | O Partido Popular de Galicia reclama á galega Yolanda Díaz que dea “todo tipo de explicacións” polo escándalo protagonizado por Íñigo Errejón e que, dada a gravidade do acontecido, “teña a valentía de dimitir no caso de que ela ou alguén máis colaborase en encubrir estes feitos”.
Nunha rolda de prensa celebrada hoxe na sede autonómica do partido, a secretaria xeral Paula Prado amosouse moi crítica ante o feito de que, precisamente no mes no que se conmemora o Día Internacional contra a violencia de xénero, “os primeiros que tiñan que dar exemplo están á cola dos xulgados para comparecer como investigados por agresión sexual”.
Censurou neste sentido que “os partidos que tiveron a intención de capitalizar o feminismo e a loita pola igualdade chegaron para cambialo todo e revolucionar a igualdade, pero o único que fixeron foi empeoralo todo e crear un monstro como a Lei do ‘só si é si’, que, coa complicidade dun BNG que segue apoiándoa, beneficiou a máis de 1.400 agresores sexuais”.
A número dous dos populares galegos trasladou a repulsa do seu partido “ante as verdadeiras razóns que levaron a Íñigo Errejón a presentar a súa dimisión” e lamentou que ninguén fixera nada ante o que era “un segredo a voces en todos os ámbitos da esquerda”.
“Un segredo a voces que coñecían a vicepresidenta do Goberno, Yolanda Díaz, a ministra de Sanidade, Mónica García, e quen sabe se a nova voceira, a galega Verónica Martínez”, explicou ao tempo que preguntaba como Errejón puido chegar a ir nas listas e a ser premiado coa Portavocía do seu Grupo Parlamentario cando as súas compañeiras de partido “o sabían, o taparon e o consentiron”.
“Chove sobre mollado”, engadiu recordando que, no seu pasado político en Esquerda Unida, Yolanda Díaz “xa encubriu a un asesor pedófilo e purgou a quen o denunciou”. Un asunto que se saldou, ademais, cun arresto por parte da Policía Nacional no Parlamento de Galicia.
Para Paula Prado esta é “unha nova mostra do feminismo hipócrita do Goberno central, desde Pedro Sánchez con Ábalos e o Tito Berni ata Yolanda Díaz con Errejón” e afirmou entender que, ante feitos como estes, “cada vez máis mulleres se sintan absolutamente defraudadas con estes políticos e con este tipo de política”.
“O Goberno central que empezou cun pacto de perdedores, continúa agora cun pacto de encubridores. O Goberno central que dixo ser un exemplo para a democracia, ten unha gran sombra de corrupción que vai acabar escurecendo todo o seu mandato. O Goberno central que quería abandeirar a loita contra a violencia de xénero, acabou cun imputado por agresión sexual o mesmo mes no que se conmemora esta loita”, concluíu.
Experiencia en Brasil
En contraposición a isto, a secretaria xeral fixo unha contraposición e fixo un breve repaso á súa experiencia en Brasil a semana pasada para participar no Encontro Internacional Equigov, no que deu unha conferencia sobre a participación das mulleres na política española e deixou claro que “a loita pola igualdade real non é patrimonio de ningún partido nin ideoloxía, senón responsabilidade de todos”.
Durante a súa a viaxe tamén tivo a ocasión de desfrutar dun cocido galego con máis de 300 persoas en Santos e “sentir a forte irmandade que existe entre Galicia e Brasil”, así como de manter unha produtiva reunión co presidente da Assambleia de Santa Catarina para “achegar culturas e crear alianzas de futuro”.
Solidariedade co pobo valenciano
Paula Prado tamén se referiu ás tráxicas consecuencias da DINA que asolou o leste de España e, no seu nome e no do PPdeG, quixo trasladar unha agarimosa mensaxe de forza ás familias das vítimas e a todos os afectados que fixo extensiva tamén ao presidente Carlos Mazón e ao secretario xeral do PP na Comunidade, Juanfran Pérez Llorca.
Deu así mesmo as grazas a todos os galegos e galegas e ás decenas de profesionais que están traballando sobre o terreo e aqueles que desde Galicia están demostrando a súa solidariedade: “Galicia está con Valencia e desta imos saír xuntos porque somos un gran país”.