El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Cartas al Director
Más noticias

DEPUTACIÓN DA CORUÑA

A iniciativa "Arte no Camiño" da Deputación embelece con murais artísticos as rutas do Camiño Inglés e Fisterra-Muxía

07-11-2024 17:28:37
Presentado Arte no Camiño.

REDACCIÓN | A Deputación da Coruña pon en marcha ‘Arte no Camiño’, unha iniciativa que pretende contribuír ao embelecemento urbano nos municipios do Camiño Inglés e de Fisterra-Muxía, ademais de reflectir a historia, lendas e tradicións das peregrinacións a Compostela. 

O deputado responsable de promoción do Camiño Inglés, Antonio Leira, a tenente alcalde de Culleredo, Cristina Pardo, o alcalde de Paderne, Sergio Platas, a alcaldesa de Fisterra, Aúrea Domínguez e a concelleira de Turismo de Dumbría, Maruxa Lema, participaron hoxe en Almeiras na presentación da iniciativa, que impulsa os primeiros catro murais nestes municipios, xunto cos artistas MØU e Xoana Almar, de Cestola na Cachola. 

Leira explicou que “Arte no Camiño fusiona a tradición peregrina coa arte contemporánea a partir da transformación de espazos urbanos. A proposta arrinca entre este mes de novembro con catro murais creados por artistas locais nos municipios de Culleredo, Paderne, Dumbría e Fisterra, pero esperamos darlle continuidade no resto dos concellos que forman parte destas rutas xacobeas que discorren integramente pola provincia e que a Deputación da Coruña vén impulsando dende hai tempo”. 

A iniciativa non só axudará a mellorar a estética das localidades e a promocionar os roteiros de peregrinación da provincia a través dos murais que reflicten a historia e a cultura do Camiño, senón que tamén exercerá de altofalante para artistas locais. Isto é así porque precisamente serán eles os protagonistas das creacións, planificadas de xeito coidadoso e que serán singulares e significativas. Así, co establecemento desta imaxe recoñecible asociada ás obras, comezará a desenvolverse unha identidade propia que se poderá seguir utilizando en edicións futuras do proxecto.  

“Trátase de conectar ás persoas peregrinas coas historias e tradicións locais, enriquecendo a experiencia cultural de todos os que transitan estes roteiros. Ademais, con estes murais elévase a estética e dáse unha plataforma de promoción aos e ás artistas”, apuntou o deputado Antonio Leira.  


As propostas artísticas 

No mural inaugurado hoxe en Culleredo, Lidia Cao recolleu no seu deseño inspirado nas lendas de Monte Xalo, onde se xuntaban as meigas, e combinouno cunha peregrina moza transportando unha estrela do Camiño, que ademais trae consigo o bo agoiro. Trátase dunha metáfora de que a crenza é fundamental, xa que pensar en cousas positivas axuda a atraelas. Lidia Cao conta cunha ampla traxectoria, avalado por murais seus en numerosas cidades da xeografía española e en países como Estados Unidos, Canadá, Irlanda, Francia, Portugal ou Noruega. 

Pola súa banda, a cooperativa Cestola na Cachola pintou o mural en Paderne baseándose na lenda da Ponte do Porco e a historia de amor e desamor entre Roxín Roxal, servidor do señor de Pontedeume, e a noble filla Teresa. Esta ponte é parte do Camiño Inglés, polo que a agrupación apostou po reflectir unha lenda que deu nome ao paso sobre o río do século XII e conta con numerosas referencias ao longo do roteiro. 

En Dumbría, MØU desenvolveu a idea da viaxe interior que propicia o Camiño a través da figura do ‘Vákner’, unha figura mítica entre un home e un lobo que, segundo contan as lendas, se aparecía aos peregrinos nos montes durante a peregrinaxe a Fisterra. Este será representado como unha persoa camiñante con roupaxes propias das ‘Mascaradas’ que lembra a épocas do Entroido pero pode ser confundida con lobishomes. 

Por último, Nove Noel creou en Fisterra a obra ‘Camiñantes’, na que se expón un xogo de figuras na acción de camiñar en distintos planos, posicións e sentidos. É, polo tanto, unha referencia á diversidade de persoas que discorren polo Camiño ao faro de Fisterra. 

‘Arte no Camiño’ encaixa dentro da importante estratexia de promoción do valor cultural que a Deputación da Coruña vén realizando durante os últimos anos. O obxectivo é dar a coñecer a oferta da provincia e promover as visitas turísticas. Dentro dese marco xeral, existe unha firme aposta pola promoción dos Camiños Inglés e de Fisterra-Muxía, que transitan case de xeito íntegro pola provincia. Esta acción, ademais, alíñase cos obxectivos do Plan Director dos Camiños de Santiago en Galicia 2022-2027, que busca a valorización do patrimonio cultural, a sustentabilidade e a mellora da experiencia do peregrino.





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias