REDACCIÓN | O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, esixiulle hoxe á Xunta que poña en marcha “medidas rápidas que permitan aliviar a situación de emerxencia habitacional que se vive en moitos lugares de Galicia”. Durante un percorrido pola Coruña na compaña da alcaldesa, Inés Rey, insistiu na necesidade de construír vivenda pública “que se manteña como pública durante toda a súa existencia”, pero, mentres se materializan proxectos que poden tardar anos, demandoulle ao Goberno de Rueda axilidade, a través de outras iniciativas, na resposta á situación crítica que pasan moitas familias e a xente nova.
Besteiro puxo A Coruña como exemplo dunha cidade que, ante a inacción da Xunta, está a despregar medidas como a transformación da Empresa Municipal de Vivenda para xestión do parque municipal de pisos e a construción dun novo bloque en Xuxán, ou o desenvolvemento de polígonos como o de Visma, onde arredor dun 25 % dos case 4.000 pisos que se van construír serán de carácter público.
O líder socialista recordou que se chegou a esta situación logo de 15 anos nos que os gobernos de Feijoo e Rueda apenas construíron vivenda pública, ao contrario do que acontecía durante a etapa de Touriño á fronte da Administración autonómica. Así, nos catro anos de mandato do presidente socialista construíronse máis de 7.000 vivendas públicas, máis que co PP en 15. Especialmente significativa é a etapa entre o 2015 e o 2019, cando só se levantaron 20.
Pese a que Rueda anunciou iniciativas no senso de rectificar esas políticas, a construción de novas promocións públicas non da resposta inmediata á urxencia que teñen miles de galegas e galegos, 18.000 deles inscritos no rexistro de demandantes de vivenda pública.
Por ese motivo, Besteiro demandou celeridade e apoio aos concellos que o precisen para tramitar as declaracións de zonas tensionadas. “En outras comunidades estase favorecendo e estanse conseguindo efectos como a baixada dos prezos do alugueiro”, explicou, ao que engadiu que os propietarios obteñen beneficios en forma de bonificacións fiscais. Mentres, en Galicia a Xunta está lonxe de facilitarlles os trámites aos municipios.
“Reivindicamos a figura dun banco público de alugueiro de vivendas”, reiterou o secretario xeral logo de avanzar esa proposta no último pleno do Parlamento de Galicia. Cun investimento que cifrou próximo aos 20 millóns de euros, sería posible sacar ao mercado de alugueiro arredor de 5.000 vivendas en toda Galicia, coa Administración “actuando de garantía” tanto dos contratos, coma da duración, o aboamento das rendas aos propietarios e o establecemento de prezos que eviten a especulación e permitan ás familias enfrontar pagos razoables. Segundo o INE, en Galicia hai 500.000 vivendas baleiras, 20.000 delas na cidade da Coruña, “pendentes de ser rehabilitadas ou de sacalas directamente ao mercado de alugueiro”.
“Apostemos polo público e apostemos dun xeito decidido”, esixiu José Ramón Gómez Besteiro tras a constatación de que o mercado privado deriva cara “prezos de alugueiro altísimos, impagables, especialmente para moitos mozos e mozas”. Basta pensar, dixo, que gran parte da xente nova percibe soldos no entorno dos 1.200 euros, dos que ten que destinar a metade a facer fronte ao pago da renda.
“Ante unha situación de emerxencia hai que actuar e hai que actuar xa: máis vivenda pública, pero tamén actuacións desde o público para as vivendas de alugueiro”, demandou o secretario xeral do PSdeG.
A alcaldesa da Coruña coincidiu en que o problema da vivenda provén da “inacción da Administración autonómica, que ten as competencias na materia e decidiu abdicar delas para botarlles a responsabilidade enriba aos concellos”. Inés Rey destacou que o Plan de Vivenda 2024-2030 da Coruña vai poñer no mercado 4.000 pisos, dos que unha elevada porcentaxe van ser de promoción pública. Tamén, que a través da Empresa Municipal de Vivenda se van xestionar 400 propiedades de titularidade municipal para “dar resposta aos demandantes de vivenda”, que cifrou, só na cidade, entre 2.700 e 3.000. Respecto das vivendas de uso turístico, criticou que a Xunta se desentenda das súas competencias e siga concedendo licenzas, contribuíndo a que suban os prezos dos alugueiros residenciais.